
María L. García | vigoalminuto
A Consellería de Educación leva meses anunciando medidas para protexer o profesorado galego, pero os centros educativos seguen sen unha ferramenta básica para afrontar situacións de violencia, agresións ou acoso no ámbito laboral. O colectivo docente continúa sen contar cun protocolo específico que estableza como actuar ante estes casos, mentres a Administración prepara cambios normativos que, segundo denuncia o sindicato, non están a resolver os problemas aos que se enfrontan os centros no día a día.
O malestar medra especialmente este curso pola proliferación das chamadas contas «curis» nas redes sociais. Estes perfís están a converterse nunha fonte de conflitos nalgúns centros educativos, con publicacións, vídeos e acusacións que afectan tanto ao profesorado como ao alumnado e á propia imaxe dos colexios e institutos públicos.
Que son as contas «curis»?
As chamadas contas «curis» son perfís anónimos ou non oficiais nas redes sociais, xeralmente vinculados a un centro educativo concreto, que utilizan o seu nome ou fan referencia a el para publicar vídeos, fotografías, comentarios, rumores, burlas ou acusacións sobre profesores, alumnos e outras persoas da comunidade educativa.
En moitos casos, o anonimato dos seus responsables facilita a difusión de contidos ofensivos, humillantes ou que poden constituír acoso, co agravante de que as persoas afectadas teñen dificultades para identificar quen está detrás das publicacións.
Vulnerabilidade
Esta situación está a deixar os equipos directivos nunha posición de especial vulnerabilidade. Teñen que afrontar problemas complexos sen contar co respaldo xurídico e administrativo que consideran necesario por parte da Consellería. As dúbidas son numerosas: quen debe presentar unha denuncia ante a Garda Civil, se un docente a título particular ou o propio centro; se é posible solicitar o peche dunha conta cando se descoñece quen está detrás dela; ou que responsabilidades poden asumir as persoas que crean e difunden os vídeos.
Polo momento, moitos centros están a optar pola vía pedagóxica e preventiva. A través de mensaxes por Abalar e outras canles de comunicación coas familias e o alumnado, advirten de que determinadas condutas poden constituír delitos, como o ciberacoso. Tamén están a organizar reunións coas persoas presuntamente implicadas para intentar frear estas prácticas.
Porén, a CIG considera que non se pode trasladar toda a responsabilidade aos equipos directivos e ao profesorado. A problemática non afecta unicamente aos docentes: tamén hai alumnos que están a sufrir estas condutas, mentres os centros públicos ven deteriorada a súa imaxe por acusacións graves difundidas desde perfís que aproveitan o anonimato das redes sociais.
A asesoría xurídica da Consellería
Ante esta situación, a organización sindical esixe que a Consellería de Educación implique directamente os seus servizos xurídicos, os poña a disposición dos centros e actúe para denunciar as contas e solicitar o seu peche cando estean a causar danos ao profesorado ou ás comunidades educativas.
O sindicato considera que a Administración debería intervir sen demora para impedir que estas prácticas sigan estendéndose e reclama unha resposta institucional que non deixe os centros sós ante un problema que excede as súas competencias.
A crítica chega nun momento no que Educación anuncia novas modificacións do Decreto e da Lei de convivencia a través da Lei de acompañamento dos orzamentos para 2027, ademais da creación dunha oficina de apoio e protección ao profesorado. Porén, mentres estas iniciativas continúan pendentes de desenvolvemento, os docentes seguen sen un protocolo de actuación fronte ao acoso no ámbito laboral.
A organización sindical tamén cuestiona o que considera unha contradición na política da Consellería sobre o uso das redes sociais: mentres non se impide que terceiros empreguen o nome dos centros educativos para crear contas non oficiais, a Administración non permite que os perfís oficiais dos propios centros se utilicen para difundir comunicacións que non teñan un carácter estritamente académico
OuTraS NoVaS
- El Gobierno pide a la Fiscalía investigar a TikTok y estudia paralizar sus servicios en España
- Una avería de un camión góndola obliga a cortar un carril de la PO-542
- O Porriño gana dos nuevos autobuses diarios con Vigo, desde este lunes
- Vídeos, insultos e acusacións anónimas: os colexios galegos, desprotexidos ante as contas «curis»
- El metal necesita trabajadores y ofrece formación para contratar a 100 desempleados





