O BNG denuncia ante Patrimonio a oficina comercial do Barrio do Cura nun espazo protexido

Os nacionalistas reclaman os permisos da instalación no Paseo de Afonso

O BNG denuncia ante Patrimonio a oficina comercial do Barrio do Cura nun espazo protexido
O BNG denuncia ante Patrimonio a oficina comercial do Barrio do Cura nun espazo protexido

Carlos Díaz | vigoalminuto

O BNG de Vigo presentou unha denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola instalación dunha oficina comercial da promotora do Barrio do Cura no Paseo de Afonso XII, un espazo público catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).

A formación nacionalista xa reclamara o pasado venres ao Goberno de Abel Caballero que aclarase se a instalación dun módulo prefabricado destinado á comercialización das vivendas contaba cos permisos necesarios. Segundo o BNG, o Concello non respondeu oficialmente nin informou sobre a autorización da instalación.

A polémica aumentou este xoves, segundo denuncia o Bloque, ao comprobar que Gestilar, promotora do desenvolvemento inmobiliario, colocou proteccións de plástico arredor dos querubíns que forman parte da balaustrada histórica do paseo. O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, considera que esta actuación evidencia, ao seu xuízo, un deterioro progresivo dun ámbito de especial valor patrimonial.

Por este motivo, o BNG trasladou formalmente a denuncia tanto ao Concello de Vigo como á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, aos que reclama que comproben a situación e adopten as medidas que correspondan.


O BNG cuestiona o uso comercial dun espazo público

Igrexas cuestionou que unha promotora inmobiliaria poida utilizar para fins comerciais un espazo público sometido a protección patrimonial. «Non podemos permitir que unha promotora inmobiliaria converta no seu couto privado un espazo protexido nin poña en risco elementos patrimoniais», afirmou.

O portavoz nacionalista sinalou ademais que Gestilar dispón doutra oficina comercial nas proximidades, no edificio do antigo Asefal e lembrou que a empresa ten como copresidenta á ex candidata do PP á Alcaldía de Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Asimesmo, o BNG tamén reclamou explicacións ao Goberno local sobre os motivos polos que permitiría, segundo a formación, utilizar este enclave para actividades comerciais vinculadas a una promoción inmobiliaria de luxo. «Non todo vale», advertiu Igrexas.


O conflito polo Barrio do Cura chega tamén á vivenda

A formación nacionalista vinculou ademais a cuestión patrimonial co problema do acceso á vivenda en Vigo. Igrexas criticou que o Concello facilite, segundo a súa denuncia, a promoción de vivendas de prezos elevados mentres a cidade afronta dificultades para acceder a unha vivenda a prezos asumibles.

«É indecente que mentres o Goberno municipal fica de brazos caídos diante da grave emerxencia habitacional que impide o acceso á vivenda á maioría social, poña alfombra vermella ao vello modelo especulativo de urbanismo para as grandes rendas», afirmou.


OuTraS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.