
N. Fernández | vigoalminuto
O Concello do Porriño asumirá a titularidade dun tramo da N-120 ao seu paso por Cans, unha transferencia que permitirá ao municipio executar obras nunha estrada que atravesa o núcleo da parroquia e que presenta deficiencias de seguridade viaria.
O tramo que pasará a ser municipal ten 2,2 quilómetros, entre os puntos quilométricos 651+200, no límite con Ponteareas, e 653+400. A cesión fora solicitada formalmente polo Concello en febreiro de 2023 e ratificada posteriormente polo pleno municipal ante a falta de resposta inicial da Administración central. Este acordo quedou ratificado este mércores pola corporación local.
A nova titularidade permitirá ao Concello actuar directamente sobre a vía. Entre as primeiras intervencións que contempla están a construción de beirarrúas, novos pasos de peóns e melloras na iluminación pública, actuacións destinadas a facer máis seguro o tránsito nunha estrada con elevada circulación.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, considera que a transferencia permitirá desbloquear actuacións que ata agora dependían da titularidade estatal. «que o tramo sexa do Concello do Porriño permitiranos actuar nesta vía durante tanto tempo esquecida», afirmou. Segundo o rexedor, a cesión será «fundamental para o desenvolvemento da zona».
A operación tamén afecta á planificación das obras de saneamento. O Concello ten xa redactados dous proxectos para Cans: un na Graña e Sequeiras, cun orzamento de 742.000 euros, e outro nos Eidos, de 128.000 euros. A municipalización da estrada permitirá, segundo o Goberno local, axilizar as autorizacións e coordinar mellor estes traballos.
Unha vía ligada á futura humanización de Cans
O tramo da N-120 que pasará a mans municipais é tamén a continuación da rúa Antonio Palacios, un ámbito no que o Concello proxecta unha actuación de humanización que inclúe, entre outras medidas, a creación dun carril bici.
A transferencia pon fin a un proceso iniciado hai máis de tres anos. Durante este período, o Concello mantivo diversas xestións coa Demarcación de Estradas para conseguir que o Estado aceptase o cambio de titularidade.
OuTraS NoVaS
- El infierno de arena vuelve a Samil: más de 30 obstáculos y 6,5 kilómetros en el Desafío Boot Camp
- Una mujer sobrevive a dos inyecciones letales y obliga a detener su ejecución en Estados Unidos
- O Porriño asumirá a N-120 ao seu paso por Cans e poderá actuar por primeira vez sobre a estrada
- Rechazo a las obras de Ons: árboles talados, hormigón junto a la playa y más de 2 millones en actuaciones turísticas
- A vivenda encareceuse ata un 18,5% nun ano nas capitais galegas





