
A. Buendía | vigoalminuto
A Sala Ártika de Vigo abre este venres 2 de outubro o VII Festival Comediártiko cunha estrea que aposta por unha fórmula tan provocadora como incómoda: unha falsa charla TED na que tres conferenciantes se encargan de defender, con absoluta seriedade aparente, as supostas bondades do fascismo fronte a unha democracia que consideran caduca.
É o punto de partida de “Isto non é un acto político”, a nova produción de Ártika Cía., que poderá verse tamén o sábado 3 e o domingo 4 de outubro, ás 20.00 horas.
A obra utiliza a ironía, a retranca e o humor negro para abordar o avance dos discursos totalitarios na sociedade actual. A proposta non pretende ofrecer unha lección política convencional, senón poñer diante do público os mecanismos cos que determinados discursos conseguen introducirse no debate social e na vida cotiá.
Durante os 90 minutos que dura o espectáculo, os tres protagonistas recorren á palabra, á acción escénica e á música para construír unha conferencia deliberadamente absurda na que conceptos como o medo, a creación de inimigos, a manipulación da linguaxe, as redes sociais ou as falsas certezas aparecen como ferramentas para explicar a expansión das ideas autoritarias.
Precisamente a provocación é o mecanismo da peza: levar ao escenario argumentos totalitarios e presentalos desde o humor para obrigar o público a recoñecer os seus mecanismos e preguntarse ata que punto forman xa parte da conversación social.
A creación parte do ensaio “Instrucións para converterse en fascista”, da escritora italiana Michela Murgia, e formula unha pregunta que atravesa toda a obra: canto dese pensamento está xa presente na sociedade, no contorno máis próximo ou incluso dentro de cada persoa?
A dirección corre a cargo de Tito Asorey, que tamén asina a dramaturxia xunto con Manuel Cortés. Sobre o escenario estarán Marcos Alonso, Rocío Salgado e Fernanda Barrio.
Unha estrea que continúa fóra do escenario
A programación non se limita ás tres funcións. Ártika completará a estrea con dúas actividades destinadas a prolongar o debate arredor dos temas que formula o espectáculo.
- O venres 2 de outubro, ás 21.30 horas, terá lugar a conferencia “Que me queres dicir cando me dis neutralidade ideolóxica?”, impartida por Roberto Pascual. A actividade abrirá unha reflexión sobre os discursos políticos, culturais e sociais que afectan directamente á creación escénica contemporánea.
- O sábado 3, ás 21.30 horas, tras a función, será a quenda dun coloquio co equipo artístico. O público poderá formular preguntas, compartir impresións e debater sobre os asuntos que aparecen na obra.
A intención é ampliar a experiencia máis alá da representación e converter a Sala Ártika nun espazo de conversa e pensamento crítico arredor dunha cuestión que o espectáculo coloca no centro: como se normalizan determinados discursos e que papel desempeñan a cultura, a linguaxe e o humor nese proceso.
FICHA ARTÍSTICA
- Autor/creador: Michella Murgia
- Dirección: Tito Asorey
- Dramaturxia: Tito Asorey e Manuel Cortés
- En escena: Marcos Alonso, Rocío Salgado e Fernanda Barrio
- Prezo das entradas: 12€ anticipada 16€ en taquilla
- Duración: 90 min
- Público a partir: 15 anos
OuTraS NoVaS
- Vigo volve á rúa pola vivenda: «As medidas de emerxencia non abondan»
- El alcalde responde a la Xunta por los 78 millones bloqueados: «si no fuera tan importante, sería propio del Club de la Comedia»
- El infierno de arena vuelve a Samil: más de 30 obstáculos y 6,5 kilómetros en el Desafío Boot Camp
- Una mujer sobrevive a dos inyecciones letales y obliga a detener su ejecución en Estados Unidos
- O Porriño asumirá a N-120 ao seu paso por Cans e poderá actuar por primeira vez sobre a estrada





