
A. Buendía | O Porriño
O Porriño continúa co programa de mellora dos camiños municipais coas obras de pavimentación e renovación de dous viais nas parroquias de Torneiros e Atios. As actuacións, que suman un investimento superior aos 71.000 euros, buscan mellorar tanto o estado do firme como a seguridade e a evacuación das augas pluviais.
En Torneiros, os traballos no Camiño Contrasto están xa en execución. A actuación inclúe o fresado e reasfaltado da vía, así como a posta a punto da sinalización, co obxectivo de recuperar as condicións de circulación e prolongar a conservación do pavimento.
Alejandro Lorenzo visitou a zona acompañado polo concelleiro de Obras, Ramón Porto, para comprobar o avance dos traballos.
En Atios, o Concello xa adxudicou as obras do Camiño da Torre. Neste caso, o principal problema que se pretende resolver está relacionado coa acumulación de auga sobre a calzada durante os episodios de choiva.
A deficiente evacuación das augas provocara o deterioro progresivo do firme, con aparición de fisuras e deformacións. A intervención contempla a renovación da drenaxe e da canalización das augas pluviais e a posterior reposición do pavimento.
As dúas actuacións forman parte do programa municipal de mellora de camiños rurais e contan co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de España.
Un plan que abrangue varios camiños
As obras de Contrasto e A Torre súmanse a outras actuacións xa rematadas dentro dun proxecto máis amplo de mellora da rede viaria rural do Porriño.
O plan incluíu tamén o Camiño de Coto do Muiño, na parroquia do Porriño; o Camiño da Relva, en Torneiros; e o Camiño do Regueiro, en Mosende.
En conxunto as actuacións contaron cun orzamento base de licitación de 125.507,87 euros, IVE incluído.
Lorenzo, defendeu que a mellora dos accesos ás parroquias debe ser unha das prioridades municipais e asegurou que o Concello continuará executando actuacións no rural. Segundo afirmou, as obras permiten mellorar o firme e a seguridade viaria, pero tamén os accesos e a mobilidade diaria das persoas que viven nestas zonas.
OuTraS NoVaS
- La Diputación, dispuesta a negociar el Mundial con Caballero si antes sabe qué hará el Concello con los 107 millones que costará
- Herido leve un camionero de 44 años tras chocar contra la mediana en la AP-9 en Vigo
- Un extraño lenguado de la ría desconcierta a los científicos: tiene negro hasta el vientre
- Un desfile de Disney y un espectáculo de luces abrirán la Navidad de Vigo
- La Xunta acepta reunirse con el Concello por el Mundial 2030… siempre que participe el Gobierno de España





