
María L. García | vigoalminuto
O BNG de Vigo vai poñer en marcha de maneira inmediata unha ‘consulta veciñal aberta’ para recoller propostas da cidadanía de cara á elaboración dos orzamentos municipais de 2027. A iniciativa incluirá contactos co tecido asociativo e permitirá que particulares, entidades e colectivos trasladen as súas demandas a través das redes sociais e do sitio web do BNG, co compromiso da formación nacionalista de formalizar esas achegas como emendas ás contas municipais.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu que o orzamento do Concello debe responder ás necesidades do conxunto da cidade e non limitarse, nas súas palabras, a ser “as contas de Abel Caballero e do Grupo Municipal Socialista”.
A formación nacionalista sitúa entre as prioridades que quere incorporar ás contas de 2027 o abandono que, segundo denuncia, sofren barrios e parroquias, así como a mellora do transporte público e o acceso á vivenda.
«Os cartos do Concello non son do alcalde»
“Os cartos do Concello non son do alcalde, son de todas as viguesas e vigueses e deben orientarse a atender as necesidades reais da cidade decidindo entre todas e todos”, afirmou Igrexas. O portavoz do BNG advertiu de que Vigo non pode volver elaborar os seus orzamentos “desde a xordeira autoritaria e en réxime de monólogo” e defendeu que a cidadanía participe na decisión sobre o destino dos recursos públicos. “Democracia é moito máis que votar cada catro anos”, subliñou.
A consulta pretende tamén servir de canle para os movementos sociais, asociacións e entidades veciñais. O BNG considera que esta participación é especialmente necesaria ante a falta de diálogo que atribúe ao Goberno local.
Máis de 160 millóns sen gastar
Xunto coa presentación da consulta, Igrexas puxo o foco na execución do orzamento municipal. Segundo os cálculos que manexa o BNG a partir dos niveis actuais de execución, o Concello podería rematar 2026 con máis de 160 millóns de euros sen gastar, unha cifra que superaría a inexecución rexistrada en 2025.
“O conto da leiteira non pode seguir sendo o modelo orzamentario de Vigo”, afirmou o portavoz nacionalista, que cualificou de “estafa política á veciñanza” deixar sen executar unha parte tan elevada dos recursos previstos.
Para Igrexas, o problema non é unicamente canto di o Concello que vai investir, senón canto acaba chegando realmente aos barrios e aos servizos públicos. “De nada serve que o alcalde presuma cada ano dos orzamentos máis altos da Historia se estes, pola súa incapacidade política, non se fan realidade en forma de investimentos, dotacións e a mellora dos servizos públicos”, criticou.
O BNG reclama, por iso, unhas contas que sexan realistas e executábeis e que estean vinculadas a resultados concretos. Igrexas resumiu a posición da formación nacionalista reclamando “uns orzamentos municipais de toda a cidade e para toda a cidade”, orientados a facer de Vigo unha cidade “máis habitábel, sustentábel, xusta e igualitaria”.
OuTraS NoVaS
- O BNG pide aos vigueses que decidan en que gastar os cartos do Concello en 2027
- Un velero, 70 fardos y 2.100 kilos de cocaína: golpe al narcotráfico a 400 millas de Galicia
- Un individuo prende fuego al colchón de una persona sin hogar en Vigo y un taxista evita que muera atrapada por las llamas
- La Agencia Tributaria interviene más de 2.000 kilos de cocaína en un velero a 400 millas de las costas gallegas
- Bruno y Teo hacen historia en Pésaro: sextos del mundo y la mejor pareja española





