
A. Buendía | Vigo Al Minuto
O Porriño afronta catro días de actividade coa programación das Festas do Cristo 2026, que entre o xoves 10 e o domingo 13 de setembro ofrecerán propostas para diferentes idades e intereses. A programación combina espectáculos familiares, música en directo, artes escénicas, deporte e unha das citas tradicionais do calendario local: a Romaría do Monte da Risca.
As actividades comezaron o xoves pola tarde. Ás 19:00 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá Maxia entre liñas, un espectáculo de Dani García incluído no programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
O venres manterá o protagonismo da programación infantil. Ás 19:00 horas, na Praza do Cristo, a compañía Txo Titelles representará Cotón, unha das novas propostas incorporadas á programación das festas.
A música tamén terá o seu espazo ese día. Ás 20:00 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios recibirá o concerto de Ialma.
O sábado a axenda comezará pola mañá. Ás 12:00 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios será escenario do contacontos en inglés Welcome to the Jungle, organizado pola Concellería de Cultura e Kids&Us Porriño.
Xa pola tarde, ás 19:30 horas, a Praza do Cristo acollerá a Festa Flamenca, co espectáculo de Pasión Flamenca.

Un sábado tamén dedicado ao deporte
A programación deportiva terá unha presenza destacada durante o sábado. Ao longo de toda a xornada disputarase no Campo de fútbol de Atios o torneo Atios Cup Benxamíns.
Ás 16:00 horas está previsto o inicio do Trofeo de Ciclismo A Nocturna 2026, unha proba de circuíto americano organizada polo Club Master Louriña que percorrerá as rúas da vila.
O domingo chegará outra das citas deportivas das festas: a XIV Milla Porriñesa, organizada polo Club Atletismo Porriño e o Concello, que comezará ás 12:00 horas.
A tradición toma o Monte da Risca
O domingo estará marcado tamén pola Romaría do Monte da Risca, unha das celebracións con maior arraigamento no municipio. Organizada pola Comunidade de Montes de Porriño, desenvolverase desde a mañá neste espazo natural, convertido durante a xornada nun punto de encontro para as familias.
A programación cultural continuará pola tarde. Ás 18:00 horas, o Centro Cultural de Chenlo acollerá a representación de O mundo ao revés, da Asociación Cultural e Teatral Pedroso, dentro do ciclo Fegateatro. A entrada será libre ata completar a capacidade.
A última proposta familiar das Festas do Cristo chegará ás 19:00 horas, novamente na Praza Arquitecto Antonio Palacios, onde Txo Titelles presentará Circ-Cabaret Armando Rissotto, un espectáculo de monicreques incorporado tamén recentemente á programación.
OuTraS NoVaS
- O Porriño enche a fin de semana de festas con música, teatro, tradición e deporte
- O TSXG condena o Sergas por vulnerar os dereitos fundamentais dun traballador
- El alcalde anuncia que Vigo reserva casi 400.000€ para la Cabalgata de Reyes y la megafonía de Navidad
- La Movida viguesa vuelve este sábado con una gran noche dedicada a Golpes Bajos
- Vigo e Nigrán entran en ‘medidas de prealerta’ ante o empeoramento da situación en Zamáns





