
Tui | C. Díez
O río Miño volverá ser este sábado o gran protagonista da vida en Tui. A cidade celebra unha nova edición da Festa do Miño, unha xornada que combinará durante doce horas deporte, gastronomía, música e convivencia en distintos espazos do municipio, desde a ribeira de Caldelas ata a rúa Compostela, pasando pola praia de Areeiros e o propio río.
A cita arrincará ás 12.00 horas coa tradicional Romaría Popular organizada polo Club Kaiak Tudense na ribeira de Caldelas. Nesta edición, a elaboración da oferta gastronómica correrá a cargo da asociación cultural A Insua, mentres que un DJ da empresa XQuatro amenizará o ambiente ao mediodía. Os máis pequenos tamén contarán cun inchable acuático para completar a programación familiar.
Centos de persoas están chamadas a participar nesta primeira parte da festa antes dun dos momentos máis esperados da xornada: o Descenso Popular do Miño, que comezará ás 16.30 horas e no que xa figuran 450 persoas inscritas de todas as idades.
O Miño énchese de piraguas e cor
O descenso terá un carácter totalmente festivo e non competitivo. As persoas participantes percorrerán sete quilómetros entre Caldelas e a rúa Olímpicos Tudenses, con paradas ao longo do percorrido e na praia de Areeiros para refrescarse.
A actividade servirá tamén como antesala do Descenso Internacional do Miño, que se disputará o vindeiro sábado 22 de agosto e cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata este domingo.
Para facilitar a organización, o Concello habilitará autobuses lanzadeira desde a rúa Tenencia, xunto ao Parador. Ademais, nesta vía estará prohibido estacionar desde as 8.00 horas do sábado para garantir o correcto desenvolvemento da actividade.
Os dorsais poderán recollerse este venres, entre as 17.00 e as 20.00 horas, nas instalacións do Club Kaiak Tudense, ou o propio sábado desde as 12.00 horas na ribeira de Caldelas.

Gastronomía popular e música ata a medianoite
A programación trasladarase pola tarde á rúa Compostela, onde desde as 20.00 horas abrirá a tradicional festa gastronómica organizada polo Concello de Tui.
Un total de dez asociacións e colectivos tudenses ofrecerán unha ampla variedade de elaboracións populares, entre elas tortillas, empanadas, bocadillos, croquetas, filloas, sobremesas e outras especialidades, con prezos que oscilarán entre 1 e 4 euros.
Participarán a Asociación Cultural Cristo da Agonía de Baldráns, a Banda de Gaitas Guillarei, a Asociación Cultural Laxes de Paramos, a Asociación O Mosteiro de Pesegueiro, a Asociación de Riomuíños, a Asociación de San Bartolomeu, a Asociación Cultural Seixos Albos de Areas, a Asociación do Traxe Tradicional, a Comisión Virxe das Dores de Guillarei e a Asociación Cultural Xuntanza de Randufe.
A música tomará o relevo cun percorrido da charanga tudense A Tu Ritmo a partir das 20.00 horas.
Ás 21.30 horas, dentro do programa +Música da Deputación de Pontevedra, actuará Fanfarria Taquikardia, gañadora dos XII Premios Martín Códax da Música, cun espectáculo inspirado nas músicas do centro e leste de Europa sen renunciar ás raíces galegas.
Xa ás 23.00 horas será a quenda de Mekanika Rolling Band, que ofrecerá un espectáculo no que mestura música en directo, efectos visuais e un repertorio marcado polo rock and roll, o ska e o reggae.

Restricións de tráfico
Con motivo da celebración da festa, o Concello aplicará restricións á circulación e ao estacionamento.
Desde as 8.00 horas deste venres e ata as 8.00 horas do domingo, permanecerá pechada ao tráfico a rúa Compostela no tramo comprendido entre as rúas Ourense e Betanzos.
Ademais, desde as 8.00 horas do sábado e ata as 8.00 horas do domingo, tampouco se poderá circular nin estacionar na rúa Mondoñedo, entre Lugo e Irmáns Maristas.
OuTraS NoVaS
- Alerta por escasez de agua en el Área de Vigo: Augas de Galicia activa medidas en Baiona
- La huelga de los autobuses que conectan Vigo con Val Miñor y Baixo Miño continúa
- Carrilanas a 110 km/h: Camos vuelve a desafiar al vértigo
- Almaraz seguirá funcionando hasta 2030: Greenpeace alerta de un sobrecoste de 3.831 millones
- A Festa do Miño encherá Tui de piragüismo, música e gastronomía





