VIGO. M.L.García/ Galicia acaba de pechar o mes de xullo máis cálido desde que existen rexistros climatolóxicos na comunidade. A serie histórica, elaborada a partir dos datos de MeteoGalicia, remóntase a 1961 e sitúa o pasado mes como o máis caloroso dos últimos 65 anos.
Segundo o balance climatolóxico do organismo autonómico, a temperatura máxima media foi de 29 graos, o que supón unha anomalía positiva de 3,5 graos respecto dos valores habituais para esta época do ano nas estacións meteorolóxicas máis representativas de Galicia.
A temperatura media tamén quedou moi por riba do normal. O valor situouse en 22,5 graos, 2,8 graos máis do que é habitual durante o mes de xullo.
Ao calor sumouse a falta de precipitacións. Durante todo o mes acumuláronse apenas cinco litros por metro cadrado, un 86% menos da chuvia habitual. Aínda así, non foi o xullo máis seco da serie histórica, xa que en 2020 e 2016 o déficit de precipitación foi aínda maior.
Os datos confirman un mes marcado pola persistencia das altas temperaturas e pola escaseza de choivas, nun contexto no que Galicia viviu varios episodios de calor intensa e un aumento do risco de incendios forestais.

A previsión para a eclipse
Coincidindo coa presentación do balance climatolóxico, MeteoGalicia publicou a predición específica para a tarde do 12 de agosto, día no que terá lugar a eclipse total de Sol visible desde boa parte de Galicia.
As previsións apuntan, polo momento, a condicións favorables para a observación na maior parte do territorio. Segundo o organismo meteorolóxico, a comunidade quedará situada entre o anticiclón centrado sobre Europa e as baixas presións do Atlántico.
Durante as primeiras horas da xornada espéranse nubes baixas no terzo norte, néboas no interior e brétemas nas Rías Baixas. Co avance da mañá, esas nubes irán desaparecendo e darán paso a ceos pouco nubrados ou despexados en gran parte de Galicia.
A situación podería cambiar de novo ao final da tarde. MeteoGalicia prevé a entrada de nubes baixas polo norte, polo que as comarcas de Terra de Soneira, Bergantiños, A Coruña, Ortegal e A Mariña lucense son, polo momento, as que presentan unha maior probabilidade de que o ceo se vaia cubrindo conforme avance a tarde.
Podes consultar o día que fará no teu concello, para ver o eclipse
O organismo autonómico habilitou unha predición específica por concellos para facilitar a consulta das condicións meteorolóxicas durante a eclipse. A información inclúe datos horarios sobre o estado do ceo, a temperatura, o vento e outras variables que poden resultar determinantes para escoller o mellor lugar desde o que seguir este fenómeno astronómico.
A previsión seguirá actualizándose nos próximos días, xa que a evolución da nubosidade será decisiva para determinar desde que puntos de Galicia poderá contemplarse a eclipse nas mellores condicións.
OuTraS NOvaS
- Espectacular incendio en A Cañiza: un vehículo arde y el fuego salta al monte
- Galicia rexistrou o xullo máis cálido desde que existen rexistros meteorolóxicos
- Tres millones y un año de obras para renovar Doutor Carracido
- Eclipse del 12 de agosto: dónde verlo, a qué hora y cómo proteger los ojos
- 7 señales de que tu intestino está pasando factura este verano y no todo es culpa del calor





