
Este mércores entra en servizo o novo treito da AG-59 entre A Ramallosa e Pontevea, no concello de Teo, unha infraestrutura de 3,5 quilómetros que supuxo un investimento de 32,3 millóns de euros e que permitirá mellorar as comunicacións entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, percorreu este martes o novo tramo en motocicleta acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, antes da súa apertura ao tráfico.

Ollo aos horarios
A estrada abrirase de maneira progresiva ao longo da mañá deste mércores. O sentido Pontevea-Santiago quedará operativo ás 09:30 horas, mentres que o sentido Santiago-Pontevea abrirá ás 12:30 horas, unha vez retirados os elementos de seguridade instalados durante as obras no enlace dos Verxeles. A conexión da Ramallosa estará dispoñible en todos os sentidos desde as 09:30 horas.
Durante o acto, Rueda saientou que se trata dunha infraestrutura «que se levaba esperando moito tempo» e subliñou que «as cousas, cando se empezan, hai que acabalas».
O presidente galego lembrou tamén que xa están en marcha as obras do segundo e último treito, de 4 quilómetros, entre Pontevea (Teo) e O Rollo (A Estrada), cun investimento superior aos 31 millóns de euros.
«Cando isto estea rematado, no ano 2028, e tras un investimento de case 70 millóns de euros, quedará listo algo que se leva esperando moito tempo», afirmou.
Santiago e A Estrada, unidas en apenas 10 minutos
Coa finalización da ampliación, a AG-59 contará cun total de 14 quilómetros e permitirá reducir significativamente os tempos de desprazamento entre Santiago de Compostela e A Estrada, que quedarán conectadas en apenas 10 minutos.
A autovía rexistra actualmente unha intensidade media de arredor de 9.000 vehículos diarios, unha cifra que previsiblemente aumentará coa entrada en servizo do novo tramo. Toda a infraestrutura será gratuíta para os usuarios, xa que a AG-59 é unha autovía libre de peaxes.
Pola súa banda, a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, salientou que a nova infraestrutura «permite mellorar e facilitar as conexións do noso concello», destacando o impacto positivo que terá tanto para a mobilidade dos veciños como para o desenvolvemento económico da zona.
OuTrAS NoVaS
- Vigo abre su visor submarino al público: cuándo visitar gratis ‘Atlántida’ y qué podrás ver bajo la ría
- Tras o Mundial chegan as Olimpíadas… ao Porriño: Porrigalia xa está lista
- El Vigo Arena se construirá en Teis: un recinto para 16.000 personas transformará Guixar
- El nuevo ascensor de Juan Ramón Jiménez abrirá en los próximos días, tras superar las últimas pruebas
- Vigo reconocerá al jugador del Celta Borja Iglesias, el primer gallego campeón del mundo





