O Lítore Quartet levará a Valadares a reestrea de Selkie, un conto escénico inspirado na mitoloxía celta que combina música, teatro e narrativa nun espectáculo pensado para público familiar. A actuación celebrarase o martes 21 de xullo ás 20:00 horas no Auditorio do Centro Cultural e Veciñal de Valadares, con entrada de balde.
A obra, composta polo músico vigués Brais González, mergulla o espectador nunha das lendas máis coñecidas das costas de Escocia: a das selkies, criaturas con aparencia de foca que teñen a capacidade de transformarse en persoas. Esta historia aborda temas como a liberdade, a identidade e a emancipación a través dos seus catro protagonistas: Ailsa, unha selkie obrigada a vivir afastada do mar; Duncan, un mariñeiro que busca esposa; Lachlan, membro do grupo de focas de Ailsa; e Callum, un fulmar boreal amigo de Lachlan.
Selkie foi recoñecido este ano co Premio Café Bauhaus 2026, concedido pola European Union Youth Orchestra (EUYO), un dos organismos musicais de maior prestixio internacional no ámbito da música clásica.
Despois da súa estrea en 2024, o espectáculo regresa cunha profunda renovación artística. A nova montaxe conta coa dirección escénica de Laura Moise, ademais dun renovado deseño de vestiario creado por Eva Mula e Pau Fernández, e unha nova identidade gráfica asinada por Laia Pellicer.
O Lítore Quartet, formado por Hugo Lomba, Jaime Estévez, Sira Pellicer e Miquel Flores, está a presentar esta nova versión de Selkie nunha xira que durante o mes de xullo fará parada en Gandía, Ribadeo, Cambados e Valadares, achegando esta proposta multidisciplinar a distintos escenarios.
A cita de Valadares ofrecerá ao público a oportunidade de descubrir de maneira gratuíta unha creación que une música en directo, posta en escena e tradición oral para reinterpretar unha das lendas máis fascinantes da cultura celta.
OuTRaS NoVaS
- Plomo y arsénico en el agua de Beade: la Xunta alerta y el Concello de Vigo lo niega
- Una avioneta vuelca al aterrizar en Caldas y deja dos heridos, uno grave
- París, Londres, Milán y Frankfurt, las rutas que la Diputación ve viables para Peinador
- Prisión para una joven de 20 años por apuñalar, presuntamente, a un hombre en Cangas
- Besteiro y Caballero hablan de vivienda en Navia, donde la Xunta construye un millar de pisos protegidos






