
O Concello do Porriño está a ultimar o dispositivo especial para a celebración da Noite de San Xoán, unha das citas máis destacadas do calendario festivo local. Polo momento, xa foron autorizadas 21 fogueiras entre públicas e privadas, distribuídas por diferentes parroquias do municipio.
Entre elas, haberá presenza de cacharelas impulsadas polo tecido asociativo tanto no centro urbano como nas parroquias, convertendo a noite nunha celebración estendida por todo o termo municipal.
Dez fogueiras públicas con tradición e gastronomía
En total, están previstas dez fogueiras públicas promovidas por asociacións veciñais e culturais, entre as que destacan a Asociación de Veciños San Benito e San Sebastián, a Asociación Cultural A Forna, a Sociedade Cultural Recreativa Mosteiro Budiño, a Asociación de Veciños O Castelo, a Asociación Cultural As Mimosas Carracido, a Comisión de Festas da Costeira en Mosende, a Asociación de Festas San Benito Covelo en Atios e a Asociación Cultural de Pontellas.
Estas celebracións combinarán o lume co ambiente festivo, a gastronomía e a tradición, mantendo vivo o espírito do “Meigas fóra!”, que volverá ter protagonismo en distintos espazos do municipio.
Normas de seguridade e prevención
O Concello lembra que todas as fogueiras autorizadas deben cumprir as condicións establecidas no bando municipal, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas, dos bens e do medio natural.
Entre as principais medidas, establécese que:
- As fogueiras deberán situarse en espazos despexados.
- Deberán gardar unha distancia mínima de 15 metros de vivendas, árbores ou instalacións.
- Non poderán superar os catro metros de diámetro nin os dous metros de altura.
- Só se permitirá o uso de madeira natural, prohibíndose materiais como plásticos, pneumáticos, espumas, aceites ou outros elementos contaminantes ou perigosos.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que o obxectivo é manter o carácter festivo da noite: “queremos que sexa unha noite máxica, pero primando sempre a seguridade”.
Un operativo coordinado para toda a noite
O concelleiro de Seguridade, Abel Estévez, explicou que o dispositivo municipal contará coa coordinación da Policía Local, Protección Civil e distintos servizos municipais.
O obxectivo é asegurar o correcto desenvolvemento da Noite de San Xoán en todo o municipio, garantindo unha celebración organizada, segura e respectuosa coas normas.
OUTRAS NOVAS
- Bas presenta un proxecto de complexo cultural na Marisma, con auditorio e novos equipamentos para Redondela
- El juez Peinado abre juicio oral contra Begoña Gómez y le retira el pasaporte
- O Porriño prepara un dispositivo especial para unha Noite de San Xoán con 21 fogueiras autorizadas
- Un cadáver sin identificar aparece flotando en el puerto de Tragove, en Cambados
- 20 minutos que bloquean un convenio en Vigo: protestas en la lavandería de los hospitales y amenaza de huelga






