A XIII Carreira da Cereixa de Beade, prevista para este domingo 24 de maio, non se celebrará finalmente. A directiva do Club Deportivo C.S.C.R. de Beade comunicou a suspensión forzosa da proba e responsabilizou ao Concello de Vigo da situación, ao asegurar que a autorización foi denegada a poucas horas do evento e sen marxe para resolver as incidencias detectadas no expediente.
Nun comunicado oficial, a organización asegura que a cancelación responde ao que cualifica como unha “mala praxe e neglixencia administrativa” por parte da administración local. Segundo explican, a solicitude completa para organizar a carreira foi presentada o pasado 23 de marzo, dous meses antes da celebración prevista.
Porén, sosteñen que o expediente permaneceu sen avances durante semanas e que foi o pasado xoves, día 21 de maio, menos de 48 horas antes da saída, cando o Concello emitiu un requirimento reclamando proxectos de enxeñaría e documentación técnica adicional.
Segundo sinala o club, a organización traballou “a contrarreloxo” para intentar cumprir cos requisitos esixidos e chegou a presentar este mesmo venres unha memoria técnica de 113 páxinas elaborada por un enxeñeiro.
Con todo, explican que a Concellería de Deportes e Seguridade decidiu arquivar o expediente e denegar a celebración da carreira argumentando que xa non existía tempo material para revisar a documentación presentada.
Requisitos “como se fose un macrofestival privado”
Dende a entidade deportiva critican especialmente que a propia lentitude administrativa impedise completar o procedemento e consideran que se lles privou do prazo legal de emenda ao que, segundo afirman, teñen dereito.
No comunicado tamén cuestionan a proporcionalidade dos requisitos técnicos esixidos para unha carreira popular destas características, indicando que se trataron administrativamente “como se fose un macrofestival privado” e non unha proba impulsada polo deporte base e o movemento veciñal.
A suspensión afecta tanto á organización como aos participantes inscritos, aos que o club pediu desculpas. “Sabemos da ilusión, dos adestramentos e das ganas que tiñades de correr polas nosas rúas”, trasladan aos corredores.
A entidade informou ademais de que nos próximos días iniciará os trámites para intentar buscar unha nova data para a celebración da proba.
Posibles accións legalis
Paralelamente, o Club Deportivo C.S.C.R. de Beade avanzou que xa puxo o caso en mans de asesores legais para estudar posibles reclamacións de responsabilidade patrimonial ao Concello polos danos económicos e morais que considera derivados desta situación.
A Carreira da Cereixa de Beade converteuse nos últimos anos nunha das citas populares do calendario deportivo local, polo que a súa suspensión a escasas horas da saída supón un duro golpe para a organización, participantes e colaboradores.
Outras novas
- La Diputación, dispuesta a negociar el Mundial con Caballero si antes sabe qué hará el Concello con los 107 millones que costará
- Herido leve un camionero de 44 años tras chocar contra la mediana en la AP-9 en Vigo
- Un extraño lenguado de la ría desconcierta a los científicos: tiene negro hasta el vientre
- Un desfile de Disney y un espectáculo de luces abrirán la Navidad de Vigo
- La Xunta acepta reunirse con el Concello por el Mundial 2030… siempre que participe el Gobierno de España






