O profesorado galego está chamado a secundar este martes unha nova xornada de folga no ensino público, convocada polos sindicatos CIG-Ensino e STEG, co obxectivo de reclamar melloras laborais e esixir á Xunta de Galicia a apertura dunha negociación real sobre as condicións do sector.
Trátase da sexta folga convocada desde o inicio do curso escolar, despois das cinco xornadas de paro promovidas no primeiro trimestre entre setembro e decembro.
Manifestación en Santiago
Ademais do paro, os docentes están convocados a participar nunha manifestación en Santiago de Compostela, que sairá ás 12.00 horas da Alameda e rematará diante da sede da Xunta, en San Caetano.
O Sindicato de Estudantes anunciou tamén o seu apoio á mobilización, en protesta polo que considera recortes e privatizacións no ensino público.
Principais reivindicacións
Entre as demandas dos sindicatos figura a recuperación do horario lectivo de 21 e 18 horas semanais que tiña o profesorado galego no ano 2010, así como o fin da discriminación nos centros integrados e nas escolas artísticas.
Tamén reclaman:
- Redución das ratios en todas as etapas educativas a partir do vindeiro curso
- Maior dotación de persoal para atender á diversidade
- Un plan real para reducir a burocracia
- Melloras retributivas no complemento autonómico
- Equiparación salarial do PESSFP
- Recuperación do pagamento do verán ao persoal substituto que traballe cinco meses e medio
- Redución da xornada lectiva a partir dos 55 anos
- Recuperación das licenzas por formación retribuídas
“As aulas galegas están ao límite”
A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, asegurou que “a Consellaría sabe que as aulas galegas están ao límite e do profundo malestar do profesorado”, e advertiu de que as mobilizacións continuarán mentres non haxa avances na Mesa Sectorial.
Servizos mínimos decretados pola Xunta
Pola súa banda, a Xunta publicou este luns no Diario Oficial de Galicia a orde de servizos mínimos para garantir a apertura e peche dos centros educativos públicos, así como a seguridade e gardaría do alumnado menor de idade no seu horario habitual.
A folga desenvolverase entre as 00.00 e as 24.00 horas deste martes en toda Galicia.
«Folga política»
Este mesmo martes, en Vigo, a respostas ás preguntas dos xornalistas, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, referiuse a este paro apuntando que en convocatorias pasadas o seguimento fora mínimo, «entre o 10 e o 14% e, afortunadamente, a maioría do profesorado decidiu seguir coa súa actividade».
Nesta liña reiterou, como xa fixera noutras ocasións, que estabamos ante unha folga «política», engadindo que o sindicato convocante, a CIG, está «na órbita da UPG e do BNG» e que, mentres o Goberno galego chegara a acordos con outras centrais, sempre foi imposible facer o mesmo coa Contral Intersindical Galega.
O conselleiro asegura que este paro, «que respectamos», forma parte dunha estratexia de mover as rúas, seguindo directrices do entorno nacionalista e que as medidas tomadas pola súa consellería, antes en Educación Primaria e agora en Secundaria, foran as necesarias eque o tempo amosou que foi así e que non hai argumentos que sosteñan esta nova convocatoria de folga.
Outras novas
- Caballero culpa a la Xunta del alquiler en Vigo mientras el Concello sigue sin viviendas municipales en obras
- Hallan herida a una mujer de 54 años en Sanxenxo y muere horas después
- O profesorado en folga este martes, para esixir melloras á Xunta
- Arrancan las obras para salvar Praia América tras los graves daños de los temporales
- Galicia entra en alerta esta tarde por tormentas fuertes y riesgo de granizo





