O Benceno é un hidrocarburo do grupo dos COVs -Compostos Orgánicos Volátiles-, que se presenta en estado gasoso a temperatura ambiente. É perigoso para a saúde por inalación ou contacto, e está recoñecido como canceríxeno. Afecta ao sistema nervioso central e á produción de células sanguíneas, deteriora o sistema inmunitario e dana o material xenético celular, o que pode orixinar determinados tipos de cancro (leucemia) e malformacións conxénitas.
No ambiente, é moi tóxico para os organismos acuáticos, nos que pode producir alteracións xenéticas e de comportamento. Afecta tamén á vexetación e ao clima, polo seu potente efecto invernadoiro. Xunto con outros COVs e cos óxidos de nitróxeno, son precursores de partículas PM2,5 e do Ozono troposférico, integrantes da néboa fotoquímica que provoca danos respiratorios.
19 complexos que emiten Benceno en Galicia
O Rexistro PRTR (Rexistro estatal de emisións e fontes contaminantes) refire que en Galiza existen 19 complexos de 10 actividades distintas que declaran emisións de Benceno (8,067 toneladas no ano 2024), o que representa o 8,12% do total das emisións de benceno do Estado. Deste xeito, Galiza ocupa o 3º posto por Comunidades despois de Andalucia e Asturias(sinalados na Táboa). Algunhas destas industrias con importantes emisións de Benceno á atmosfera están moi próximas a núcleos habitados. Porén, ningunha delas dispón dunha rede de control de contaminación con medidores de Benceno nin de COVs.

Máis emisións de Benceno camufladas como COVNM
Outras moitas empresas non declaran Benceno pero declaran emitir COVNM (Compostos orgánicos volátiles distintos do metano), entre os que pode estar o benceno (Táboa 2). Galiza, co 13,61% do total, ocupa o segundo posto no Estado despois de Cataluña polo volume de emisións de COVNM.

Considerando que a Refinaría de Repsol (A Coruña), o complexo de Stellantis (Vigo) ou Navantia (Ferrol), grandes emisoras de COVNM xenéricos, están moi próximas ou integradas en zonas densamente habitadas, existe unha urxente necesidade de controlar as emisións de Benceno para garantir a calidade do aire nestas áreas e, en caso de fugas, actuar rapidamente. Así, ADEGA apunta que das tres estacións de contol da contaminación que ten Repsol na Coruña ningunha mide Benceno nin en continuo nin periodicamente. Tampouco o fan as dúas estacións de Stellantis en Vigo, nin as de Navantia en Ferrol.
En febreiro deste ano, o Goberno vasco confinou a veciñanza de Muskiz, próxima a Bilbao, porque unha «incidencia» nos tanques de gasolina da refinaría de Petronor liberou substancias volátiles, entre elas, o Benceno, que se puideron detectar nas tres estacións de control próximas. Esta substancia acadou concentracións de 100-200 ug/m3 nas proximidades de zonas habitadas, cando o máximo permitido por lei é de 5 ug/m3. Este, ademais, foi o terceiro episodio de contaminación en poucas semanas. De darse unha fuga inesperada como a de Petronor en Bilbao, non se podería detectar e tampouco adoptar as medidas precisas para salvagardar a saúde ambiental e cidadá.
A Xunta debe obrigar ás industrias a monitorizar as emisións de Benceno á atmosfera
ADEGA, que ostenta a representación ecoloxista no Consello galego de calidade do ar, esixe á Xunta que inclúa o Benceno entre as substancias de análise obrigatorianas estacións de control da contaminación industrial.
Deste xeito, a organización ecoloxista propón que a rede industrial de calidade do aire de empresas como a Refinaría de Repsol, Endesa, Naturgy, Finsa-Santiago, Stellantis Vigo, Alcoa, Tableros Hispanos, Votorantim Cementos Oural, Air Liquide Ibérica, Ferroglobe Sabón, Greenalia, Ence, Megasa, Sogama e Xeal, entre outras, debería empezar a medir Benceno en todas as súas estacións de control. Se á industria privada non lle importa a calidade do aire, a Xunta non debería ignorar esta situación.
Outras novas
- Alertan da falta de control do benceno en Galicia e reclaman medidas urxentes á Xunta
- Vigo abre al público su patrimonio industrial con rutas, debates y actividades por toda la ciudad
- Alerta por la estafa del “hijo en apuros”: denuncias con pérdidas de hasta 70.000 euros
- Retrasos en el Alvia Vigo-Barcelona y en el regional Vigo- A Coruña
- El alcalde culpa a la Xunta de, al menos, veinte cosas que van mal en Vigo





