A Praza do Seixo acollerá este sábado 21 de marzo, de 10:00 a 14:00 horas, a primeira Xornada de Adopción Canina e Felina do ano organizada pola mocidade voluntaria da OMIX de Tomiño. Esta iniciativa ten como obxectivo ofrecer unha segunda oportunidade a cans e gatos abandonados ou procedentes de colonias felinas do municipio.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o valor desta actividade ao sinalar que “iniciativas coma esta amosan o compromiso da nosa mocidade coa responsabilidade, a solidariedade e o coidado dos animais”. Ademais, subliñou que se trata dunha oportunidade para fomentar a adopción responsable fronte á compra de animais e para apoiar o labor das asociacións protectoras.
A xornada conta coa colaboración de varias protectoras da contorna, entre elas Nuestra Ayuda, Bai Sen Pulgas, Os Palleiros, Aloia, Patudos Peludos e Os Biosbardos, ás que o Concello agradece o seu traballo e dedicación para garantir o benestar dos animais.
Adoptar ou colaborar
Durante a xornada, as persoas asistentes poderán adoptar un animal ou colaborar mediante doazóns de comida, xoguetes, transportíns, camiñas ou mantas. Ademais, o Concello comprométese a esterilizar de balde os gatos e gatas adoptados das colonias felinas do municipio, co fin de facilitar unha integración responsable na comunidade.
Desde o grupo de voluntariado da OMIX lembran que adoptar un animal é un compromiso de vida. Segundo indican, cada ano recóllense arredor de 150.000 cans e gatos abandonados, polo que insisten na importancia de asumir a adopción con responsabilidade, garantindo coidado, afecto e atención diaria ao longo de toda a vida do animal.
As persoas interesadas en participar ou obter máis información poden contactar coa OMIX de Tomiño ou seguir as redes sociais do Concello, onde se publicarán todos os detalles da xornada e as diferentes formas de colaboración.
Outras novas
- El Concello acepta la cesión de la antigua Estación de Autobuses y exige a la Xunta conocer el estado real del edificio
- Valladares abre o Circuíto Galego de Teatro Amador con catro obras entre outubro e novembro
- 3.409 becas de comedor para escolares: el Concello eleva la ayuda a 70 euros al mes
- Festa dos Pexegos 2026 en Liñares, As Neves: programa e actividades
- El TSXG tumba la decisión del Concello sobre los antiguos juzgados y la Xunta estudia reclamarle los costes





