Galicia

O Parlamento galego admite a trámite a primeira proposición de lei a nivel mundial para protexer ecosistemas en restauración

Propón crear as Áreas de Restauración Ecolóxica e precisará reunir 10.000 sinaturas para chegar ao pleno

A Mesa do Parlamento de Galicia admitiu a trámite unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que propón a creación dunha nova figura legal de protección ambiental: as Áreas de Restauración Ecolóxica. A proposta busca establecer un marco xurídico específico para impulsar a recuperación de ecosistemas degradados e garantir que os espazos restaurados conten cun réxime de protección que evite a súa deterioración no futuro.

Segundo os promotores, é a primeira vez a nivel mundial que se formula unha categoría de espazo protexido orientada especificamente á recuperación funcional de ecosistemas degradados. Se a iniciativa prospera, cada unha destas áreas contará cun Plan de Restauración Ecolóxica vinculante no que se definirán os obxectivos ambientais, as actuacións necesarias, os indicadores de seguimento e o réxime de usos permitidos ou limitados.

A Comisión Promotora está integrada por representantes de organizacións ambientalistas e comunidades de montes veciñais. Os impulsores sinalan que unha parte significativa dos ecosistemas galegos —terrestres, fluviais, costeiros e mariños— sofre procesos de degradación provocados por factores como a transformación do territorio, os incendios recorrentes, o abandono de prácticas tradicionais, as alteracións hidromorfolóxicas ou os efectos do cambio climático.

Políticas activas de restauración da natureza

Neste contexto, consideran que a conservación dos espazos mellor preservados é fundamental, pero insuficiente para frear a perda de biodiversidade, polo que defenden a necesidade de impulsar tamén políticas activas de restauración da natureza.

A proposta enmárcase ademais nos obxectivos do novo Regulamento europeo de restauración da natureza, que establece como meta restaurar polo menos o 20 % das áreas terrestres e mariñas da Unión Europea antes de 2030. Para os promotores, contar cun instrumento legal específico permitiría aplicar estas políticas de maneira máis eficaz e adaptada á realidade territorial galega.

Participación social

O texto tamén aposta pola participación social na restauración ambiental. A declaración destas áreas podería partir non só da Administración autonómica, senón tamén das entidades locais, das persoas propietarias dos terreos, das comunidades de montes veciñais en man común, das entidades de custodia do territorio ou das confrarías de pescadores e pescadoras no ámbito mariño.

Ademais, a proposta contempla mecanismos para facilitar a posta en marcha destes proxectos, como a prioridade no acceso a fondos públicos destinados á restauración ecolóxica, á conservación da biodiversidade ou á adaptación ao cambio climático, así como incentivos fiscais vinculados á adquisición de terreos ou ás doazóns destinadas á restauración ambiental.

Apoio de ambientalistas e conservacionistas

A iniciativa conta co apoio de numerosas entidades ambientalistas e conservacionistas, entre elas a Asociación Galega de Custodia do Territorio, ADEGA, Asociación Senda Nova, Ecoloxistas en Acción, Fundación Montescola, Fundación Naiterra, Greenpeace e Verdegaia, ademais de varias comunidades de montes veciñais integradas na Rede de áreas conservadas por comunidades locais.

Tras a admisión a trámite por parte da Mesa do Parlamento, a proposta deberá ser validada pola Xunta Electoral antes de iniciar o proceso de recollida das 10.000 sinaturas necesarias para que a iniciativa poida ser debatida no pleno da Cámara.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.