Galicia

«Altri Non» celebra a vitoria contra a macrocelulosa, pero advirte que aínda queda o golpe de graza

Cualifica de “histórica pero inconclusa” a paralización e esixirá á Xunta o arquivo definitivo do proxecto

triunfo indiscutíbel e histórico da vontade do pobo galego

Os colectivos e entidades que conforman, xunto coas plataforma Ulloa Viva, na Defensa da Ría de Arousa e contra a Mina de Touro-O Pino, a Coordinadora galega «Altri Non», motor das multitudinarias manifestacións en contra da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, reuníronse esta semana para facer unha valoración conxunta do anuncio do arquivo do proxecto de Greenfiber por parte da Xunta e decidir que novas accións mobilizadoras dispoñer nos vindeiros meses.

Triunfo indiscutíbel e histórico da vontade do pobo galego

As organizacións sociais que conforman o movemento «Altri Non» conveñen en considerar o anuncio de arquivo do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei como un «triunfo indiscutíbel e histórico da vontade do pobo galego, dunha mobilización social permanente e da defensa a ultranza do territorio galego fronte os intereses do capitalismo, da industria depredadora e dun goberno do PP totalmente sometido ao ditado do Capital«. 

A coordinadora de colectivos atribúe a causa da tan agardada derrota de Altri á contundente resposta de respulsa e participación masiva do pobo galego en todas as mobilizacións convocadas ao berro de «Altri Non», e á súa determinación inquebrantábel de chegar ata o final, por todos os medios democráticos dispoñíbeis, para impedir a autorización do proxecto. Parabeniza así a todas as persoas, colectivos, entidades que contribuíron dunha ou doutra forma a acadar este fito e, en especial, ás plataformas máis directamente afectadas – Ulloa Viva e á Plataforma na defensa da Ría de Arousa- sen cuxa perseverancia, alento, traballo e paixón na defensa do río Ulla e das súas xentes non teriamos acadado esta vitoria.

Vitoria «inconclusa»

Porén, a coordinadora cualifica esta vitoria como «inconclusa», xa que o arquivo do proxecto aínda non se fixo efectivo. Previamente, engaden, a Xunta de Galiza debe resolver a denegación tanto da autorización ambiental integrada (AAI) do proxecto como do expediente de concesión de augas. «Mentres isto non aconteza, a macrocelusosa de Altri aínda representa unha ameaza para o noso país«. Así pois, o movemento colectivo «Altri Non» chama á cidadanía galega a non baixar a garda ante a posible tentación da Xunta de arquivar «en falso» o expediente «e permitir que, no futuro, Altri, ou calquera outra empresa especuladora e depredadora do territorio, poida recuperar e executar o proxecto».

Seguirán as mobilizacións

Neste senso, a coordinadora manifesta a súa vontade de seguir na loita e anuncia para a vindeira semana o comezo dunha nova campaña de presión social que obrigue ao goberno de Alfonso Rueda a sentenciar definitivamente o proxecto e que alente ao pobo galego a seguir mobilizándose ata o final na defensa do río Ulla e do interese público, tamén fronte a outros proxectos contaminantes e destrutivos que ameazan con facerse realidade nos vindeiros meses, como é a mina de cobre de Touro-O Pino. 

No marco desta nova xeira de accións, non se descarta a convocatoria de novas accións mobilizadoras a comezos do mes de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente e co prazo límite dado polo goberno de Rueda á empresa promotora -Altri- para presentar alegacións contra o arquivo do proxecto. «Daquela veremos reveladas no papel as intencións reais da Xunta de Galiza e se, por fin, fai desaparecer definitivamente a peor ameaza ambiental e social do país da última década. Se a Xunta non cumpre, farase un novo chamado ao pobo galego a que faga valer nas rúas do país a súa vontade e dignidade colectivas».


Outras novas


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.