A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de elixir á oceanógrafa viguesa Aida Fernández Ríos como “Científica Galega do Ano” 2026, nun recoñecemento ao seu legado científico e á súa contribución decisiva ao estudo da acidificación dos océanos e o cambio climático. A investigadora, falecida en 2015, foi unha referencia internacional na análise do impacto do dióxido de carbono no medio mariño e unha das primeiras mulleres en participar en campañas oceanográficas.
Compromiso coa ciencia
Nada en Vigo en 1947 e formada no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e na Universidade de Santiago de Compostela, Aida Fernández Ríos desenvolveu unha traxectoria marcada pola excelencia científica e o compromiso coa ciencia feita desde Galicia. En 2006 converteuse na primeira muller en dirixir o IIM-CSIC, centro no que traballara desde 1972 tras acceder como auxiliar de laboratorio e completar posteriormente a súa licenciatura e doutoramento en Bioloxía.
Más de 800 días na mar
Ao longo da súa carreira participou en 30 campañas oceanográficas no Atlántico, o Índico e a Antártida, acumulando máis de 800 días na mar e exercendo como xefa científica en cinco expedicións internacionais. Os seus traballos contribuíron á primeira avaliación global do dióxido de carbono no océano por acción humana, publicada en 2004 na revista Science, que evidenciou o proceso de acidificación mariña e as súas consecuencias para organismos calcarios e ecosistemas costeiros.
Actividades na súa honra ao longo de todo este ano
A Real Academia Galega de Ciencias salientou que o nomeamento pretende “poñer en valor o seu legado científico e a súa excelente traxectoria, truncada prematuramente por un accidente”, así como visibilizar o papel das mulleres na ciencia. Durante 2026 a institución organizará diversas actividades na súa honra, que culminarán o 8 de outubro co acto central do Día da Ciencia en Galicia.
Fernández Ríos, terceira muller en ingresar como académica numeraria na RAGC, destacou tamén polo seu labor en organismos internacionais sobre cambio global e pola súa participación en proxectos europeos de investigación mariña. Autora de máis dun centenar de publicacións científicas, mantivo sempre un forte vínculo coa súa cidade natal e con iniciativas sociais e científicas en Galicia.
Outras novas
- El ex príncipe Andrés de Inglaterra, arrestado por su implicación en el caso Epstein
- A Reconquista ¿fiesta de interés internacional?
- A oceanógrafa viguesa Aida Fernández Ríos, “Científica Galega do Ano” 2026
- Caballero acusa a la Xunta de hundir parte del campo de fútbol de la ETEA
- El alcalde no debatirá en el Pleno sobre la gratuidad de la AP-9, para no «blanquear» a PP y BNG





