As obras de mellora do Complexo Deportivo Municipal do O Porriño progresan a bo ritmo e encaran a súa fase central coa cubrición das dúas pistas de pádel exteriores e a renovación integral da contorna do polideportivo. A actuación, cun investimento total de preto de 450.000 euros, permitirá a práctica deportiva durante todo o ano e modernizará unha das infraestruturas máis utilizadas pola veciñanza.
Sen que importe o tempo e con máis horas de uso
O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou os traballos e salientou que se trata dunha intervención “moi agardada polos clubs e polos usuarios”, xa que a cuberta das pistas de pádel no Porriño evitará a dependencia das condicións meteorolóxicas e ampliará a dispoñibilidade horaria das instalacións deportivas municipais.
A solución técnica prevé unha estrutura independente que cubrirá tanto as superficies de xogo como as zonas de paso anexas, mantendo o carácter aberto e ventilado do espazo pero garantindo protección fronte á choiva. Ademais, o proxecto inclúe a renovación das zonas axardinadas, a creación de novas áreas verdes con xardineiras, a instalación de mobiliario urbano e a execución dun xardín vertical na fachada acristalada da piscina, elemento que mellorará a integración estética e a eficiencia enerxética do complexo deportivo do Porriño.

Acondicionamento do chan do ximnasio e a mellora do teito do pavillón 2
As actuacións complétanse co acondicionamento do chan do ximnasio e a mellora do teito do pavillón 2, co obxectivo de reforzar a seguridade e o confort nunhas instalacións con alta actividade diaria de usuarios de todas as idades. Do investimento total, 204.404,30 euros proceden do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID II), mentres que o Concello achega 244.564,18 euros con fondos propios.
Lorenzo subliña que a reforma do polideportivo municipal do Porriño responde a unha demanda histórica, «poder utilizar as pistas de pádel sen depender do tempo e, ao mesmo tempo, modernizar un espazo clave para o deporte local, facéndoo máis eficiente e agradable”. Con esta intervención, o Concello reforza a mellora das infraestruturas deportivas e a creación de espazos públicos que fomenten hábitos saudables e vida activa na vila.
Outras novas
- A Xunta abrirá o vindeiro día 24 de febreiro o prazo para anotarse nas oposicións de Educación
- La vicepresidenta de la Diputación acusa a Abel Caballero de “falsedades” sobre Balaídos y el Mundial 2030
- Las actividades del Entroido se trasladan al edificio del Concello
- Un negociador de la Guardia Civil logra la entrega pacífica de un hombre armado, en Gondomar
- O Porriño avanza na cubrición das pistas de pádel e na renovación do polideportivo municipal





