A Xunta de Galicia abre este venres, 13 de febreiro, o prazo para solicitar a segunda edición do Bono Emancípate, un programa dirixido a mozos e mozas menores de 36 anos que iniciasen unha vida independente recentemente. A convocatoria, que se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG), conta este ano cun orzamento de 3 millóns de euros, un 50 % máis que na edición anterior.
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, explicou que o obxectivo desta iniciativa é axudar á mocidade a facer fronte aos gastos iniciais dun fogar, tanto no caso de vivir en alugueiro como nunha vivenda en propiedade, cubrindo compras como mobiliario, electrodomésticos básicos, enxoval, téxtil ou artigos de baño e decoración.
Tras a elevada demanda da primeira edición —na que máis de 1.000 persoas resultaron beneficiarias—, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reforza o Bono Emancípate como complemento ás políticas públicas de vivenda, poñendo o foco non só no acceso ao inmoble, senón tamén no custo de poñer en marcha un fogar propio.
Canto se cobra co Bono Emancípate
- 1.500 euros para persoas que vivan en alugueiro
- 3.000 euros para quen adquirise unha vivenda en propiedade
As axudas faranse efectivas mediante unha tarxeta moedeiro virtual, que deberá empregarse antes do 31 de decembro de 2026 en comercios físicos de Galicia, quedando excluídas as compras en liña.
Quen pode solicitalo
Poden optar ao Bono Emancípate as persoas que cumpran, entre outros, os seguintes requisitos:
- Ter menos de 36 anos
- Non ter sido beneficiarias do Bono Emancípate en 2025
- Dispoñer dunha fonte regular de ingresos
- Non superar os límites de renda establecidos (ata 4 veces o IPREM, ou 3 veces no caso de persoas sen unidade de convivencia)
- Ter nacionalidade española, da UE ou do EEE
- Estar empadroadas na vivenda para a que se solicita a axuda
- Ter asinado un contrato de alugueiro ou unha escritura de compravenda con data posterior ao 30 de abril de 2025
Prazos e como presentar a solicitude
- 📅 Inicio do prazo: 13 de febreiro de 2026, ás 9.00 horas
- ⏰ Fin do prazo: 30 de abril de 2026, ás 20.00 horas (ou ata esgotar o crédito)
- 💻 Solicitude obrigatoriamente electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia
Balance da primeira edición
Na edición de 2025 presentáronse 3.718 solicitudes. Tras a tramitación e unha ampliación de crédito, a axuda chegou a 1.066 persoas, das cales 584 se emanciparon en alugueiro e 482 en vivenda en propiedade.
Outras novas
- Condenas pírricas para los responsables del chalé prostíbulo de Vigo: menos de 2 años de prisión
- Un conservatorio muy mal conservado
- Vigo reúne a grandes eminencias de la oncología europea para debatir los últimos avances contra el cáncer
- Un gran ‘camino atlántico’ para recorrer la costa de Galicia, de Ribadeo a A Guarda, a pie o en bici
- O prazo do ‘Bono Emancípate’ abre este venres con axudas de ata 3.000€ para mozos e mozas





