A portavoz nacional do BNG e xefa da oposición en Galicia, Ana Pontón, reivindicou este domingo en Vigo o Bloque como a “única forza política que pon Galiza na axenda do Estado” e a que garante a defensa dos intereses do país en Madrid, “sexa quen sexa o inquilino da Moncloa”. Fíxoo nun acto político no que presentou a campaña Co BNG, Galiza Gaña, acompañada polos representantes nacionalistas nas Cortes, Néstor Rego e Carme da Silva, e polo portavoz municipal en Vigo, Xabier Pérez Igrexas.
Pontón puxo o acento na utilidade política do BNG fronte ás forzas estatais, ás que acusou de actuar “teledirixidas desde Madrid” e de alternarse no goberno e na oposición mantendo unha mesma dinámica de “discriminación a Galiza”. “Máis BNG significa máis forza para Galiza no Estado, porque somos quen lle dá voz e voto ao país”, afirmou.
AP-9
Como exemplo dese comportamento das forzas estatais, citou a AP-9, onde denunciou a incoherencia do PSOE —que defendía a gratuidade e a transferencia cando estaba na oposición e agora rexeita ambas— e o papel do PP, ao que responsabilizou da prórroga “ilegal” da concesión durante máis de 25 anos. “A única maneira de cambiar este guión é apostar por unha forza coas mans libres, coa cabeza e o corazón en Galiza”, sostivo.
A líder do Bloque defendeu a estratexia de negociación “útil, intelixente e firme” da súa organización en Madrid, fronte ao que cualificou como unha confrontación estéril do Goberno de Alfonso Rueda, “porque lle mandan desde Madrid”. Nese punto, destacou logros como a quita de 4.000 millóns de euros da débeda galega, os descontos históricos nas peaxes da AP-9 e da AP-53 ou os avances para dotar Galiza dun servizo de cercanías ferroviarias, de especial relevancia para unha cidade como Vigo.
Pontón subliñou que ningún goberno central “agasallou nunca nada a Galiza” e que os avances chegan só cando hai unha forza galega capaz de condicionar decisións. “Con un deputado e unha senadora conseguimos melloras concretas; imaxinen o que podería gañar Galiza cun BNG máis forte en Madrid”, sinalou.
Reto a Rueda polos acordos con Altri
Un dos momentos máis duros da comparecencia chegou coa referencia ao proxecto de Altri. Pontón lembrou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitiu a trámite o recurso do BNG para acceder á documentación asinada entre a Xunta e a multinacional portuguesa e lanzou un reto directo ao presidente da Xunta: facer públicos eses acordos “secretos” no prazo dunha semana.
“Se Rueda esixe transparencia ao Goberno central, debe empezar por aplicala na súa casa”, afirmou, denunciando que a Xunta mantén os documentos con Altri “baixo sete chaves”. Para Pontón, esa opacidade é unha proba de que os acordos “son beneficiosos para a multinacional e prexudiciais para Galiza”. “A cidadanía ten dereito a saber a que se comprometeu a Xunta”, insistiu.
A portavoz nacional advertiu de que a transparencia é un “principio democrático elemental” que en Galicia “se incumpre de maneira flagrante” e reclamou que non sexa a Xustiza quen obrigue ao Goberno galego a facer públicos uns documentos de enorme impacto económico, ambiental e social.
O BNG concorrerá coas súas siglas
Preguntada sobre posibles plataformas estatais impulsadas por outras forzas, Pontón foi clara: o BNG seguirá concorrendo coas súas propias siglas, como forza galega e nacionalista. “Movémonos noutra clave: defender Galiza e reforzar a nosa presenza en Madrid”, afirmou, nun contexto político que describiu como marcado polo avance das forzas reaccionarias.
Nese sentido, chamou ás forzas que gobernan o Estado a reforzar as políticas sociais para dar resposta ao empeoramento das condicións de vida de amplos sectores sociais. “Esa é a mellor barreira fronte á ultradereita”, advertiu.
Outras novas
- Los sindicatos desconvocan la huelga de trenes, tras acuerdo con el Ministerio de Transportes
- La viguesa Lorena Lourido toma las riendas financieras de IKEA en España
- Ana Pontón reta a Rueda a facer públicos en sete días os acordos “secretos” da Xunta con Altri
- Caballero dice que la delegada de la Xunta «sigue inventado» sobre los pisos de protección en Vigo
- Detenida en Vigo con ocho órdenes de búsqueda y captura, tras localizarla trabajando con identidad falsa
“O BNG non é socio de ninguén máis que do pobo galego”
No acto tamén interveu o deputado no Congreso, Néstor Rego, quen lembrou que o BNG non asinou un acordo de lexislatura, senón un acordo de investidura limitado, e que condicionou o seu apoio a avances concretos para Galiza. Rego subliñou que, dos 23 deputados galegos nas Cortes, “só o BNG condicionou o seu voto aos intereses do país”.
Pola súa banda, a senadora Carme da Silva denunciou o papel do PP no Senado, onde conta con maioría absoluta, ao que acusou de actuar contra Galiza, a lingua galega e a igualdade. Citou como exemplos o veto ao uso das linguas propias na Cámara Alta ou a eliminación da linguaxe inclusiva en iniciativas lexislativas.
A mensaxe final foi clara e coral: o BNG reivindícase como a única forza con capacidade real de negociación en Madrid e co compromiso exclusivo de defender Galiza.






