A tensión laboral medra na planta de GKN Driveline en Vigo, no corazón do sector da automoción galega. Así, a asemblea de persoas traballadoras decidiu convocar unha folga como resposta directa á intención da empresa de aplicar un ERE extintivo que afectaría a 72 empregados e empregadas. A decisión marca o inicio dun ciclo de mobilizacións co obxectivo declarado de frear os despedimentos e garantir a continuidade de todos os postos de traballo.
Tras a asemblea, o cadro de persoal protagonizou unha manifestación entre a fábrica e a Praza América, nunha marcha que reuniu a máis de mil persoas, ao sumarse familiares, amizades e traballadores doutras empresas do sector. Durante o percorrido escoitáronse consignas como “Non ao ERE en GKN” e “Dirección dimisión”, nunha clara mostra de rexeitamento á estratexia empresarial.
Folga
Os traballadores e traballadoras acordaron endurecer a resposta fronte aos despedimentos nunha fábrica clave para o emprego industrial na área metropolitana. O presidente do comité de empresa, Pedro Velasco (CIG), adiantou que «mañá mesmo poreime en contacto cos secretarios das seccións sindicais para formalizar a convocatoria de folga en GKN”. Ao seu xuízo, aceptar un ERE destas características suporía abrir a porta ao desmantelamento progresivo da planta.
“O cadro de persoal non vai permitir que a dirección nos falte ao respecto. Non podemos aceptar ningún despedimento en GKN Vigo, porque no momento en que se consinte un só, ponse en risco o futuro da empresa”, afirmou. O dirixente sindical apelou á unión sindical e á mobilización sostida como únicas ferramentas para frear o ERE e defender o emprego na automoción.
Mobilizacións
Esta primeira protesta é só o inicio dun calendario de accións co que o comité de empresa pretende visibilizar o conflito laboral en GKN Driveline e presionar á Dirección para retirar o expediente extintivo. O conflito ameaza con converterse nun novo foco de tensión industrial en Vigo, nun contexto xa marcado pola incerteza no sector.
Outras novas
- Avanza a reparación do noiro da AG-57, tras os desprendementos dos temporais
- Marín acoge el Campeonato Gallego de Kickboxing y Muaythai 2026, con récord histórico de participación
- El próximo día 23 abre el plazo para solicitar plaza en las escuelas infantiles municipales
- El Gobierno estudia bajar el IVA de la electricidad para contener los precios ante la crisis energética
- Sánchez exige a Caballero auditar las cuentas de la Entidad Local Menor de Bembrive, por «opacidad y corrupción»





