O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe a apertura dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia para aclarar as circunstancias que rodearon a sinatura do memorando entre a Xunta e a multinacional Altri. O socialista tamén exixe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que dea explicacións públicas sobre un acordo que o Goberno galego admite agora que se asinou á marxe do control administrativo.
“Non é crible que a Xunta non saiba que compromisos se asumiron en nome de Galicia«
Segundo Besteiro, a gravidade das informacións coñecidas obriga a que o máximo responsable do Executivo galego explique que sabía, cando o soubo e que consecuencias pode ter este pacto para Galicia. O líder socialista advertiu que se trata dun feito “extremadamente grave” dende o punto de vista político e institucional, ao implicar que un conselleiro puido asinar un acordo de enorme trascendencia económica, territorial e ambiental sen control político nin transparencia pública.
“Non é crible que a Xunta non saiba que compromisos se asumiron en nome de Galicia. Se non o sabe, o problema é gravísimo. E se o sabe e non o explica, tamén”, subliñou Besteiro, lembrando que o PSdeG foi o primeiro grupo en alertar no Parlamento de Galicia sobre a opacidade que rodeaba Impulsa Galicia, a sociedade instrumental utilizada pola Xunta para impulsar proxectos estratéxicos á marxe do control e da transparencia parlamentaria. “O tempo está a darnos a razón. O que está a pasar é grave e non se pode normalizar”, engadiu.
Asinado en 2021 polo exvicepresidente e exconselleiro de Economía, Francisco Conde
Segundo a información coñecida, o memorando foi asinado en 2021 por Francisco Conde, daquela vicepresidente e conselleiro de Economía, sen que a Xunta aclarase cal era o seu contido nin que compromisos se asumiron en nome de Galicia. Besteiro subliña que “non estamos a falar dun trámite administrativo nin dun acordo técnico menor. Estamos a falar dun pacto que condiciona un proxecto estratéxico, con impacto territorial, ambiental e económico, e que pode implicar o uso de fondos públicos”.
O secretario xeral do PSdeG tamén lembrou que o proxecto de Altri naceu baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo, con Francisco Conde como a súa man dereita, e sinala que non resulta verosímil que un acordo destas dimensións, con posibles consecuencias millonarias para o erario público, se asinase sen coñecemento político ao máis alto nivel.
“Se isto ocorreu sen coñecemento do presidente, estamos ante un problema moi serio de funcionamento institucional. E se ocorreu con coñecemento, alguén está a ocultar información”, advertiu Besteiro, ao tempo que subliñou que existen dúas versións claramente contraditorias e que só o Parlamento pode aclarar que ocorreu realmente.
Por todo isto, Besteiro considera imprescindible que Núñez Feijóo e Francisco Conde, hoxe deputados no Congreso, comparezan nunha Comisión de Investigación no Parlamento de Galicia para explicar quen asinou, con que contido, con que mandato político e con que consecuencias para Galicia. “É unha cuestión de transparencia, de responsabilidade política e de respecto á cidadanía. Galicia merece saber que se fixo e en nome de quen”, concluíu.
Outras novas
- Filtraciones en el centro especial Saladino Cortizo obligan a trasladar espacios para la atención del alumnado
- Besteiro reclama unha comisión de investigación polo ‘pacto’ do PP con Altri
- El transporte de viajeros en la provincia de Pontevedra, al borde del conflicto
- El programa de rehabilitación de pisos vacíos se tambalea: sólo se ha presentado una solicitud
- Febrero lleno de planes en Vialia: talleres, música en directo y Entroido






