Cultura

Cine para resistir: Cans arrinca nos hospitais con ‘Cinema Sorrisos’

Curtametraxes galegas, creadoras e actores levan o cine ás nenas e nenos

Antes de que a aldea de Cans volva converterse no epicentro do cinema galego do 19 ao 23 de maio, o festival adiántase cun proxecto que aposta polo valor social da cultura. Na primeira semana de febreiro bota a andar “Cinema Sorrisos”, unha iniciativa inclusiva que levará curtametraxes galegas a varios hospitais do país para facer máis levadeira a estadía das nenas e nenos ingresados durante longos períodos.

O proxecto, impulsado polo Festival de Cans co apoio da empresa farmacéutica Lonza, con sede no Porriño, comezará:

  • o martes 3 de febreiro no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO)
  • a seguinte parada será o xoves 5 no CHUAC da Coruña
  • venres 6 no Hospital Provincial de Pontevedra
  • e pechará o ciclo o martes 10 de febreiro no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, nesta última cita coa colaboración da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG)

“Cinema Sorrisos”

Nace coa vontade de arrincar algún sorriso en momentos difíciles, empregando o cine como ferramenta emocional, educativa e de acompañamento. Ademais das proxeccións, o proxecto facilita o contacto directo coas creadoras e creadores, actores e actrices, que comparten conversa cos rapaces, convertendo a experiencia nun encontro humano máis alá da pantalla.

Entre as curtametraxes programadas figuran Cadáver de Dragón, de José Garnelo —mellor curta de animación na última edición do Festival de Cans—, ou Liminal Station, de Mario Filloy, recoñecida cunha mención especial na sección Novas Camadas. O ciclo xa tivo unha primeira experiencia piloto no Hospital Clínico de Santiago (CHUS), onde o pasado ano acadou unha excelente acollida.

Esta iniciativa encaixa na liña dun festival que entende o cine como algo máis ca entretemento. Cans mantén desde hai anos unha forte dimensión social, con ciclos como “Cinemaldea”, que leva o cinema a aldeas sen salas de proxección, ou sesións específicas para estudantes, persoas maiores en centros de día e centros de educación especial. Unha maneira de facer do cine galego unha experiencia accesible e compartida.

Bo ritmo de inscrición para a XXIII edición

En paralelo, o festival continúa coa preparación da súa XXIII edición, cun bo ritmo de inscrición de obras -podes inscribirte AQUí– especialmente na categoría de ficción. O prazo para participar na competición oficial e nas seccións paralelas permanecerá aberto ata o 1 de marzo.

O equipo do festival xa está inmerso no visionado das pezas recibidas, nunha edición que superará por primeira vez os 13.000 euros en premios. A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través da web oficial festivaldecans.gal, un dos principais puntos de encontro do cinema galego emerxente.


Outras novas


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.