O Concello do Porriño dá un novo paso firme no reforzo dos servizos básicos no rural coa ampliación da rede de saneamento en Cerquido, unha actuación estratéxica que permitirá incorporar novas vivendas á rede municipal. O proxecto, cun investimento total de 78.202,17 euros, enmárcase no Plan +Provincia 2025.
Así, os traballos previstos inclúen a execución dunha nova rede de saneamento en distintos puntos do lugar e a reposición e mellora do firme nos tramos afectados pola apertura de zanxas. Ademais, reforzarase a sección completa dos camiños municipais implicados, garantindo un resultado final máis seguro, duradeiro e en condicións óptimas para o uso diario.
12 millóns de euros
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a relevancia deste tipo de intervencións, lembrando que o saneamento é unha prioridade estratéxica do Concello. “O saneamento deixou de ser unha actuación puntual para converterse nunha política estruturada, con planificación, recursos e atención directa ás parroquias”, sinalou.
Lorenzo subliñou tamén que a actuación en Cerquido forma parte dun esforzo sostido no tempo, cun investimento acumulado desde 2022 que se achega aos 5 millóns de euros. A creación dunha Concellería específica de Saneamento supuxo, segundo o rexedor, un paso decisivo para responder con maior eficacia ás necesidades reais do territorio.
“O acceso a un saneamento digno é un dereito fundamental, non unha opción”, afirmou o alcalde, quen avanzou que o Concello continuará traballando con visión de futuro para completar a cobertura en todas as parroquias, cun investimento estimado de case 12 millóns de euros nos vindeiros anos.
Outras novas
- El tiempo da un giro en Vigo: menos calor, nubes y claros y mejora de la calidad del aire
- Samil y O Vao estrenan el refuerzo de verano: estas son las líneas de autobús que amplían recorrido
- Ana Ortiz acusa a Caballero de manipular y le recuerda las obras pendientes y el caso de la cuñada de Carmela Silva
- Muere un motorista tras chocar contra una furgoneta en la A-52
- Meigas, pactos de sangue e un actor ao límite: así continúa a Mostra de Teatro Amador





