Comarcas

Rías Baixas convértese na gran pista deportiva ao aire libre de Galicia

Luis López presenta en Fitur a campaña “A túa meta, o teu destino”, unha aposta atrevida polo turismo deportivo

Rías Baixas xa non é só un destino turístico: é unha experiencia vital que se vive en movemento. Así o defendeu o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, na presentación en Fitur da nova campaña de promoción turística da provincia, “A túa meta, o teu destino”, un proxecto que por primeira vez coloca o deporte no centro da estratexia turística das Rías Baixas.

Desde o stand de Turismo de Galicia na Feira Internacional de Turismo de Madrid, e acompañado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a vicepresidenta provincial Luisa Sánchez, alcaldes, alcaldesas e representantes do sector, López debuxou unha provincia formada por 61 concellos convertidos nun inmenso polideportivo natural, aberto os 365 días do ano.

“Rías Baixas é todo e para todos”

Proclamou o mandatario provincial, quen definiu o destino como un “oasis” no que conviven praia e montaña, mar e interior, gastronomía de estrela Michelín e cociña de casa, cultura, viño… e, cada vez máis, deporte. “Quen percorra as nosas praias, se bote ao mar, suba unha estrada de montaña ou camiñe pola cidade verá como o deporte se converteu nunha forma de relacionarse coa terra e coa xente”, subliñou.

A presentación, conducida pola actriz viguesa Marta Larralde, incluíu a proxección de dúas pezas audiovisuais nas que deportistas profesionais e afeccionados de distintas disciplinas amosan o potencial das Rías Baixas como escenario privilexiado para correr, nadar, remar, escalar, navegar ou simplemente camiñar entre paisaxes únicas.

O Deporte como atractivo turístico

O presidente da Deputación puxo o acento no papel do deporte como ferramenta de desestacionalización turística, aliada da calidade, da sustentabilidade e da proxección internacional do destino. Non en van, a institución provincial está a investir 20 millóns de euros na renovación de infraestruturas deportivas, con preto de 200 actuacións en polideportivos, ximnasios, pistas de atletismo, campos de fútbol, pádel ou tenis, ademais de apoiar 500 eventos deportivos e conceder axudas récord a 400 deportistas de elite.

Pero a campaña vai máis aló das cifras. “Deixa as pantallas, conecta, desconecta e reconecta”, resumiu López, lanzando unha mensaxe directa ao visitante. Rías Baixas preséntase así como a meta perfecta para quen busca baixar revolucións, recuperar o equilibrio e reencontrarse cun estilo de vida máis saudable, máis humano e máis auténtico.

Unha filosofía que enlaza coa anterior campaña “Cando volves?”, que acadou 70 millóns de impactos, e que forma parte dunha estratexia clara: construír unha provincia sostible, descentralizada e viva todo o ano. “O deporte é unha paixón persoal e tamén unha prioridade política. É unha enorme ferramenta de transformación social, territorial e económica”, concluíu o presidente.


Outras novas


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.