O Concello do Porriño vén de dar un paso decisivo para reforzar a súa rede de atención social coa sinatura dun convenio urbanístico que combina desenvolvemento urbano e compromiso social. Este acordo permitirá avanzar na construción dunha nova promoción de vivendas en réxime de alugueiro na contorna da rúa Antonio Palacios e da Avenida de Galicia e, ao mesmo tempo, incorporar ao patrimonio municipal un novo local destinado a Servizos Sociais, en plena propiedade.
A actuación afecta a unha parcela na que coexistían terreos de titularidade privada e varias pequenas parcelas municipais, cunha superficie aproximada de 400 metros cadrados. Tras analizar a situación xurídica e técnica, o Concello e a entidade promotora acadaron un acordo de permuta que desbloquea unha intervención urbanística que levaba tempo paralizada e que agora se transforma nun beneficio directo para a veciñanza.


«Unha atención máis humana e digna»
Como resultado do convenio, o Concello recibirá un baixo de nova construción, completamente acondicionado para uso público, cunha valoración técnica próxima aos 400.000 euros. Este novo espazo permitirá concentrar e mellorar os Servizos Sociais municipais, acoller o Centro de Información á Muller (CIM) e facilitar a posta en marcha de novos servizos de atención ás familias.


Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño subliña o alcance social da actuación, salientando que os actuais Servizos Sociais contan con instalacións moi compartimentadas e pouco axeitadas para unha atención integral. O novo local permitirá ofrecer unha atención máis humana e digna, con espazos amplos, zonas de espera adecuadas e unha mellor coordinación entre os distintos servizos municipais.
“O obxectivo é crear un lugar de acollida real, un punto de encontro para aquelas persoas e familias que atravesan situacións de dificultade e precisan apoio”, sinalou Lorenzo. Especial relevancia terá tamén o reforzo do CIM, clave na atención ás mulleres e na loita contra a desigualdade e a violencia de xénero.
Outras novas
- Frenazo al parque canino de Barreiro: los vecinos tumban la licitación y exigen cambiar el proyecto
- A Xunta Electoral advirte a Rueda por utilizar unha visita a Vigo para facer propaganda da súa xestión
- Vigo pierde población en verano, pese al turismo: nos vamos de vacaciones fuera de la ciudad
- Detenido tras robar en un bar de A Guarda, mientras disfrutaba de un permiso penitenciario
- Una nueva competidora de la sardina aparece por primera vez en Galicia





