Galicia

Activado o ‘aviso laranxa’ por forte temporal costeiro, con ondas de ata seis metros

O aviso, que afectará desde a madrugada ao litoral da Coruña, esténdese ás Rías Baixas

Este xoves, dacordo co pronóstico de MeteoGalicia, unha fronte moi activa atravesará Galicia durante a mañá, deixando ceos cubertos e chuvias localmente fortes na metade oeste da Comunidade. Co paso da fronte entrará o aire frío con chuvascos na segunda metade do día, ocasionalmente treboentos. A cota de neve baixará ós 1.000 metros pola noite. Os ventos soprarán do suroeste fortes, con refachos moi fortes no litoral e en zonas altas na primeira metade do día, virando a noroeste moderado pola tarde.
As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso con máximas de 14 graos en Vigo-con 8 de mínima-; 13 en Ferrol, A Coruña, Ourense e Pontevedra; 12 en Santiago e 10 en Lugo.

A Xunta activou para este xoves un aviso laranxa por temporal costeiro que afecta desde a madrugada ao litoral oeste e noroeste da provincia da Coruña e que, co paso das horas, se estenderá ás Rías Baixas.

Segundo informou o Goberno galego, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) prevé mar combinado do noroeste con ondas que poden alcanzar os seis metros de altura, o que supón un risco importante tanto para a navegación como para a seguridade das persoas nas zonas costeiras.

Co obxectivo de previr incidencias, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, comunicou a situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas, ás deputacións, aos servizos provinciais, ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil e a outros colectivos implicados, como os clubs náuticos.

Suspendida a actividade deportiva no mar

Como consecuencia do aviso laranxa, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou tamén a suspensión da actividade deportiva no mar nos municipios afectados, tanto a nivel federado como no marco do programa Xogade. As zonas concretas e os horarios nos que se aplica a suspensión poden consultarse na páxina web de Deporte Galego.

A Xunta insiste na necesidade de extremar as precaucións e lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, especialmente de diques, rompentes e paseos marítimos. Así mesmo, recomenda revisar os cabos e amarres das embarcacións e evitar calquera actividade no mar mentres se manteña o aviso activo.


Outras novas


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.