O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, fixo hoxe un chamamento á responsabilidade institucional para evitar a ruptura definitiva do acordo acadado entre as tres universidades galegas e a Xunta sobre o novo modelo de ensinanza de Medicina. Rodríguez advertiu de que Galicia está “en tempo de desconto” para salvar un pacto que, segundo lembrou, foi resultado “dun longo proceso de negociación entre as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e dúas consellerías”.
Segue preferindo un modelo descentralizado
Rodríguez defendeu que o modelo proposto —unha estrutura descentralizada que integraría profesionais e recursos dos complexos sanitarios da Coruña, Vigo e Santiago— «é a mellor fórmula para afrontar os retos de futuro«: o relevo xeracional do profesorado, a incorporación de especialistas dos hospitais á docencia e a optimización dos grandes equipamentos sanitarios do país.
Así, o responsábel do Departamento de Educación, incidiu en que o obxectivo non é aumentar as prazas iniciais, senón organizar dun modo máis eficiente a formación dun número de novos facultativos que os informes do Sergas sitúan entre 300 e 400 ao ano. “Galicia xa está formando os médicos que precisa e faino de maneira descentralizada. O que queremos é aproveitar mellor os recursos e integrar todo nunha única facultade, a Facultade de Galicia”, sinalou.
Sen máis prazas nin máis custo
O conselleiro advertiu de que, se finalmente non se desbloquea a negociación, non haberá un incremento de prazas en primeiro curso nin un aumento do financiamento universitario. “Non tería sentido que para lograr o mesmo obxectivo os galegos teñan que pagar máis porque unha das partes non está conforme”, asegurou. Subliñou, ademais, que as universidades son institucións públicas “que xestionan recursos públicos” e ás que tamén se lles debe pedir responsabilidade.
Román Rodríguez explicou que o escenario alternativo —a creación de novas facultades ou a reorganización total da docencia clínica— implicaría un proceso “longo e moi complexo”, que require informes, memorias de verificación, avaliación de profesorado, espazos e colaboración sanitaria. “Montar unha facultade de Medicina non é automático; é unha das operacións máis complexas tecnicamente”, advertiu.
O peso da docencia clínica
O titular de Educación lembrou que calquera cambio deberá ser avaliado polo Consello de Docencia Clínica, órgano no que están representadas as universidades, os tres grandes hospitais e as consellerías de Sanidade e Educación. A capacidade asistencial dos centros, o número de docentes ou a organización das prácticas serían factores determinantes nun hipotético novo mapa.
Tamén advertiu de que, sen acordo, os estudantes que actualmente realizan a docencia práctica nos diferentes hospitais galegos poderían verse obrigados a concentrarse en Santiago, algo “moi difícil de asumir pola carga asistencial e docente”.
“Hai vontade de acordo”
Rodríguez asegurou ter mantido conversas informais con representantes da Facultade de Medicina e con profesorado contrario ao pacto, e afirmou percibir unha “visión xeral de que é necesario chegar a un punto de encontro”. Aínda así, insistiu en que perder esta oportunidade sería “un erro que o futuro poñería no seu sitio”.
Sobre posibles reunións inminentes, limitouse a sinalar que hai movementos internos e contactos, pero que non lle corresponde anuncialos. “Seriamos irresponsables se todos quedásemos quietos”, dixo, lembrando que o reitor de Santiago tamén está a manter conversas coa comunidade académica.
Rodríguez concluíu reiterando que a Xunta desexa salvar o acordo, pero que, de non ser posible, “todos os escenarios están abertos”.
Outras novas
- Oposición a que los concejales de Vigo se suban el sueldo hasta los 70.000€ y a 80.000€, en el caso del alcalde
- A Xunta segue empeñada nunha Facultade de Medicina descentralizada, malia á oposición da Universidade de Santiago
- Detenido en Vigo por fingir el robo de su móvil para cobrar del seguro
- Desde hoy, los menores de 14 años viajan en Avlo a un precio fijo de 5 euros
- Contratan ya: Vigo publica una nueva batería de empleos para perfiles muy variados
Abel Caballero fala de «falsidades» e «ameazas»
En relación con este tema, o alcalde de Vigo criticou novamente a posición do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en relación coa creación dunha Facultade de Medicina na cidade. Segundo explicou, a Xunta continúa mostrando oposición ao proxecto e, ao seu xuízo, empregando argumentos que considera incorrectos ou insuficientes para xustificar esa negativa.
O rexedor referiuse ás declaracións feitas polo presidente da Xunta, quen afirmara que as alternativas posibles serían unha facultade grande, descentralizada, ou ben tres facultades pequenas. O alcalde cuestionou que se cualifique como “pequena” unha facultade con arredor de 150 estudantes en primeiro curso, e comparou ese número co das principais facultades de Medicina de España e do ámbito internacional.
Para argumentar esta idea, Abel Caballero cifras de prazas de primeiro curso en distintas universidades: a Autónoma de Madrid (260), Oviedo (165), Salamanca (207), Valladolid (219), Navarra (70), Cantabria (124), Cádiz (169), a nova facultade de Castelló (92), Baleares (69) ou León (80). Tamén citou exemplos internacionais como Oxford (150), Stanford (90), Harvard (165) ou McMaster en Canadá (217). En contraste, lembrou que a Facultade de Medicina de Santiago supera actualmente as 400 prazas de novo ingreso.
Un número de estudantes acaído
Segundo expuxo, unha hipotética Facultade de Medicina en Vigo con arredor de 150 prazas estaría, en número de estudantes, dentro dos estándares habituais das institucións de referencia. Tamén afirmou que as facultades excesivamente grandes tenden a ser menos eficientes desde o punto de vista docente e organizativo.
O alcalde criticou que desde a Consellería de Educación se expresasen reservas sobre o financiamento ou o número de facultades posibles, indicando que a decisión sobre a implantación depende tamén da Universidade de Vigo e da vontade da propia cidade. Engadiu que os cambios políticos futuros poderían influír na decisión final sobre o proxecto.
Por último, invitou ao presidente da Xunta a explicar publicamente en Vigo as razóns da súa oposición e defendeu que a cidade reúne capacidade e demanda suficientes para desenvolver unha Facultade de Medicina con garantías de calidade.






