O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclamou este luns ao Goberno do Estado a retirada inmediata da Cruz do Castro, considerado un dos principais símbolos de exaltación do franquismo que permanecen en Vigo. A formación nacionalista desenvolveu unha acción pública na cidade para demandar que o monumento sexa incluído no novo catálogo estatal de vestixios franquistas, que o Executivo está a elaborar en aplicación da Lei de Memoria Democrática.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou que o Goberno aprobou en novembro un Real Decreto que regula a creación deste catálogo, no que o Ministerio de Memoria Democrática estima que se identificarán máis de 4.000 elementos de exaltación franquista en todo o Estado. Rego insistiu en que a inclusión da cruz viguesa é “imprescindíbel e inapelábel”, ao tratarse dun monumento construído pola ditadura “para exaltar o golpe de Estado e a represión franquista”. “Non cabe discusión: é un vestixio franquista que debe ser sinalado e retirado”, afirmou.
Durante o acto simbólico, Rego estivo acompañado polo portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, e polos deputados no Parlamento de Galicia Carmela González e Brais Ruanova.
Outras novas
- Folga no comercio contra o convenio de ARTE, con tendas pechadas
- Vigo: tres detenidos por robar en bares, uno tras colarse por el falso techo
- La Xunta licita 73 nuevas viviendas públicas en Navia mientras construye ya 309 pisos en Vigo
- El megacrucero ‘Liberty of the Seas’ llega por primera vez a Vigo con 3.200 pasajeros y 12 escalas previstas
- Vigo estrena su I Gala del Turismo con premios al sector y reivindicación de su crecimiento turístico
Un símbolo da ditadura no corazón da cidade
Xabier P. Igrexas lembrou que o Pleno do Concello de Vigo acordou por unanimidade en febreiro de 2006, con votos de PP e PSOE, recoñecer a cruz como símbolo franquista, pese aos intentos de resignificación realizados en 1981. Subliñou que foi inaugurada por Francisco Franco en 1961, na entón denominada praza da División Azul, en homenaxe aos chamados “Caídos por Dios y por España”.
“Constitúe a día de hoxe o maior símbolo da ditadura e o seu mantemento ofende a todas as persoas demócratas desta cidade”, declarou. Igrexas salientou tamén que o monumento se ergue a poucos metros dos muros do castelo do Castro, onde entre 1936 e 1942 foron fusiladas 136 persoas polo franquismo.
Sentenza sen executar e críticas á Alcaldía
O portavoz municipal aludiu igualmente á sentenza de 2014 que recoñecía o carácter franquista da cruz e ordeaba a súa retirada. Criticou que o Goberno municipal de Abel Caballero decidise recorrer aquela resolución “de forma infame”, malia que o propio PSOE apoiara en 2006 a moción que cualificaba o monumento como símbolo de exaltación da ditadura.

O BNG anuncia novas iniciativas
A fronte nacionalista avanzou que presentará novas iniciativas nas Cortes para garantir o cumprimento estrito da Lei de Memoria Democrática e a eliminación definitiva da simboloxía franquista. Igrexas destacou tamén o labor desenvolvido polo BNG nos últimos anos para retirar outros elementos da ditadura en Vigo, como o frontispicio fascista da Casa das Artes, e lembrou que a demanda de eliminar a cruz está avalada polos colectivos de memoria histórica da cidade.





