A borrasca Claudia continúa deixando a súa pegada en Galicia. Segundo datos da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), no que vai de xornada contabilizáronse 144 incidencias en toda a comunidade, derivadas principalmente da caída de árbores, cables e postes eléctricos, así como de inundacións en estradas, vivendas e garaxes.
As provincias de Pontevedra e A Coruña foron as máis afectadas, con 62 e 53 intervencións, respectivamente, desde a tarde do martes ata as primeiras horas deste mércores. Nas Rías Baixas, os concellos de Vilagarcía e Vilanova de Arousa sumaron varias actuacións por entrada de auga en baixos, rúas e estradas, mentres que Vigo rexistrou 15 incidencias, principalmente pola caída de árbores e obstáculos nas vías.
Na provincia da Coruña, os municipios costeiros como Carballo, Muxía, Outes ou Ribeira concentraron a maior parte das actuacións. Precisamente en Ribeira produciuse o suceso máis grave da xornada, cando un coche resultou danado ao caerlle enriba un poste.
Pola súa banda, Lugo e Ourense rexistraron un impacto menor, con 22 e 7 incidencias respectivamente. En ningún caso houbo que lamentar danos persoais.
Outras novas
- Renfe programa 12 servicios por carretera durante las obras de Adif entre Salvaterra y As Neves
- 1.600 atletas tomarán la salida este domingo en la Media Maratón de Vigo
- Pilar, con 84 años, cumple su sueño de volar en paratrike
- A borrasca ‘Claudia’ deixa máis de 140 incidencias, con Pontevedra e A Coruña como as provincias máis afectadas
- El Concello activa el protocolo social ante la alerta meteorológica
Vento e choiva intensos
Segundo MeteoGalicia, Claudia deixou refachos de vento que alcanzaron os 132 quilómetros por hora en Cervantes e acumulacións de ata 80 litros por metro cadrado en Santa Comba.
Entre as 20:00 do martes e as 08:00 horas deste mércores, o oeste galego rexistrou as precipitacións máis intensas, con acumulacións destacadas en Lousame (75,2 L/m²) e Rois (71,8 L/m²). No que vai de mércores, a estación de Lira, en Carnota, suma 58,8 litros, mentres que Barrantes (Ribadumia) lidera os rexistros da provincia de Pontevedra con 41,7.
En canto ao vento, ademais do récord de Cervantes, destacan os 121,5 km/h en Xares (A Veiga), os 117,7 en Lardeira (Carballeda de Valdeorras) e os 103,6 en O Xistral (Muras). En zonas costeiras e de baixa altitude tamén se rexistraron valores moi altos, como os 102,6 km/h en Carnota e os 100,2 en Cuntis.
Estamos en ‘aviso amarelo’
MeteoGalicia mantén para este mércores o aviso amarelo por vento e choiva en boa parte de Galicia, e o aviso laranxa na Coruña por acumulacións de ata 80 litros en 12 horas, mentres o vento continúa soprando con forza durante a mañá antes de perder intensidade ao longo da tarde






