O Concello do Porriño vén de poñer en marcha a renovación integral do campo de fútbol municipal do Lourambal, unha actuación que permitirá dotar estas instalacións dun céspede artificial de última xeración e mellorar o seu equipamento e iluminación.
As obras, que se atopan en fase de licitación, forman parte do mesmo expediente que inclúe tamén a substitución e mantemento do céspede do campo de Pontellas, empregando o mesmo modelo de xestión. O investimento total ascende a preto de 700.000 euros, financiados integramente con fondos municipais, e contempla tamén o mantemento do novo terreo de xogo durante cinco anos.
Un campo adaptado á alta demanda
A intervención prevé a retirada da herba natural, o acondicionamento e nivelación do terreo con achega de zahorra, e a instalación dun novo sistema de drenaxe e subministración de auga.
O cambio a céspede artificial responde á intensa actividade deportiva que soporta o Lourambal, onde adestran e compiten máis de 400 xogadores e xogadoras do club local.
“O novo céspede garantirá un mellor estado do campo durante todo o ano, reducindo os custos de mantemento e adaptándose mellor ás condicións climatolóxicas”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, quen salientou que o proxecto “forma parte do plan de mellora das instalacións deportivas municipais”.
Outras novas
- Un policía evita el suicidio de un hombre en una playa de Vigo manteniéndose al teléfono con él
- Arde un camión de basura en Vigo y obliga a esparcir su carga, en García Barbón
- Muere un hombre atropellado por un coche que se salió de la calzada, entre Gondomar y Tomiño
- O sector lácteo denuncia baixadas de até 10 céntimos no prezo do leite e pide intervención urxente
- Amplio operativo en Moaña para rescatar el cuerpo de una mujer fallecida en su vivienda
Melloras no equipamento e iluminación
A reforma inclúe tamén a renovación completa do equipamento deportivo: novas porterías de fútbol 11 e fútbol 7, redes, banderíns, banquillos cubertos e pechados lateralmente, así como varandas e sinalizacións renovadas.
Ademais, instalarase un sistema de rego automatizado con canóns emerxentes e depósito enterrado, e renovarase a iluminación do terreo de xogo para mellorar a eficiencia enerxética e a visibilidade.
Primeira fase dun proxecto máis amplo
O orzamento base de licitación da obra civil é de 399.077,73 euros, mentres que o renting para o mantemento do céspede ascende a 292.458,95 euros. O prazo de execución previsto é de catro meses para as obras e dous meses adicionais para a instalación do céspede, polo que o campo estará operativo no verán de 2026.
Esta actuación representa a primeira fase dun proxecto máis ambicioso, que contempla tamén a reforma das gradas e vestiarios, cun investimento estimado en máis de medio millón de euros





