A Xunta de Galicia ten en marcha xa desde o pasado 29 de setembro a nova campaña de vacinación fronte á gripe e á COVID-19, que se prolongará ata o 31 de decembro e se realizará de maneira progresiva segundo os diferentes grupos de idade e colectivos priorizados.
Esta acción enmárcase na estratexia da Consellería de Sanidade para reducir a incidencia destas enfermidades respiratorias e previr complicacións, especialmente entre a poboación máis vulnerable. O Goberno galego fai un chamamento á cidadanía a participar activamente na campaña, lembrando que Galicia é líder estatal en taxas de cobertura vacinal, cun 71 % de vacinación antigripal en maiores de 65 anos, fronte ao 58,4 % de media en España.
�� Planificación da campaña
A campaña arrancou o 29 de setembro coa vacinación nas residencias de maiores e centros de persoas con discapacidade, onde tamén se inmunizou o persoal traballador. Este ano, como novidade, amplíase a administración da vacina de alta carga aos maiores de 70 anos, despois dos bos resultados do ensaio clínico “Galflu”.
O pasado día 13 de outubro comezou a vacinación infantil, coa extensión da vacina intranasal da gripe aos nenos e nenas de entre 24 meses e 11 anos, e coa posta en marcha dun programa piloto en 55 centros escolares para chegar a 19.000 alumnos de 3 a 11 anos. Trátase dun proxecto conxunto das consellerías de Sanidade e Educación, que busca acadar unha cobertura do 70 % neste grupo de idade e poder ampliar o modelo no futuro.
A partir do 20 de outubro, a vacinación esténdeuse a:
Persoas de 70 e máis anos,
Persoas inmunodeprimidas e
Persoal sanitario e de urxencias.
O 3 de novembro comezará a inmunización das mulleres embarazadas e das persoas menores de 60 anos con patoloxías de risco, mentres que o 10 de novembro se iniciará a vacinación das persoas con 60 e máis anos, do persoal de servizos esenciais e de traballadores con exposición laboral.
Finalmente, a partir do 1 de decembro, será a quenda dos conviventes de persoas de risco e do resto da poboación xeral.
Unha campaña con novidades e enfoque preventivo
Ademais da vacinación por vía intranasal nos nenos, a campaña deste ano mantén o seu carácter preventivo e comunitario, buscando reducir tanto o número de casos como a gravidade das infeccións. A Consellería de Sanidade aposta por un modelo progresivo, descentralizado e máis cómodo para a cidadanía, evitando o uso de grandes recintos e reforzando a atención nos centros de saúde e nas residencias.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destaca que Galicia continúa á vangarda na loita contra as enfermidades respiratorias “grazas á súa aposta por unha vacinación accesible e adaptada a cada grupo de poboación”.


