O Concello de Gondomar continúa a mellora das infraestruturas e servizos públicos locais coa preparación dun ambicioso proxecto de urbanización e senda peonil en Borreiros, que optará ao Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra.

Conectará o cruce de Telleiro con Sabarís e A Ramallosa
A actuación suporá un investimento total de 1.300.000€ e incluirá traballos de asfaltado, recollida de augas pluviais, saneamento, canalización e cubrición de cunetas, así como a creación dunha senda peonil moderna, segura e accesible.
Esta senda conectará o cruce de Telleiro con Sabarís e A Ramallosa, mellorando a mobilidade e a seguridade tanto para peóns como para vehículos.
O proxecto aspira a obter a máxima puntuación posible. Isto permitiría que o 80 % do investimento fose financiado polo organismo provincial e o 20 % restante asumido polo propio Concello.

“Infraestruturas de calidade”
O alcalde, Paco Ferreira, salienta que “este é un exemplo máis do esforzo constante que realiza o Concello por modernizar as nosas parroquias, levando infraestruturas de calidade a todos os barrios e garantindo unha convivencia segura entre vehículos e peóns. Estamos a falar dun investimento importante que terá un impacto directo no benestar da veciñanza de Borreiros e de todo Gondomar”.
Con esta iniciativa, Gondomar reafirma o seu “compromiso coa seguridade, a accesibilidade e o equilibrio territorial, impulsando actuacións que chegan a cada recuncho do municipio”, conclúe Ferreira.