A oposición municipal de Redondela vén de lamentar que o goberno de Digna Rivas teña “totalmente abandonado” o proxecto de construción da Escola Infantil de Chapela “despois de perder seis anos para a súa execución” e deixar pasar ata catro convocatorias de axudas de fondos europeos, desde 2022.
O Grupo Popular criticaron que o executivo local deixase pasar todas as oportunidades desde o ano 2019, momento no que houbo cambio de goberno e no que, o equipo dirixido por Javier Bas, deixou todo listo e acordado coa Xunta a falta da tramitación urbanística correspondente para cambiar a calificación dos terreos.
Un centro de prazas
Así, apunta o ex alcalde, a Consellería de Educación estaba disposta a achegar ata 800.000€ para unha escola infantil dun cento de prazas, “pero tardaron case dous anos en facer a modificación urbanística, que quedou aprobada finalmente en marzo de 2021, e perderon eses fondos”.
Pero ademais, e co cambio do modelo de financiamento para estas escolas, o líder da oposición en Redondela tamén valora moi negativamente que o Concello non presentase ningún proxecto a ningunha das catro convocatorias realizadas polo Goberno galego para financiar a construción de escolas infantís municipais, que era a nova vía para sufragar o inmoble e que en principio non se vai lanzar de novo.
“Nestes anos concellos como Mos, O Porriño ou Ponteareas si que optaron a estas achegas para ampliar a súa rede de escolas infantís, e incluso tamén municipios socialistas, como O Grove ou A Guarda no mandato anterior, pero incomprensiblemente en Redondela non aspiraron a estas achegas e limitaron a facer as súas reclamacións con queixas ante os medios de comunicación, pero está claro que ese non é o camiño para que Chapela conte con este servizo que, para nós, é imprescindible e irrenunciable”, sinala Javier Bas.
Outras novas
- Adjudicada la reforma de Clara Campoamor, entre Ramiro Pascual y el Cunqueiro
- El Gobierno destina 8,7 millones para las rampas de Praza de América a Praza de España
- El vínculo emocional con perros y gatos favorece la mejora del bienestar psicológico
- Denuncian que o goberno de Redondela perdeu catro axudas da Xunta para construír a Escola Infantil de Chapela
- ‘Somos Criminais e punto final’ aterra en Vigo por última vez e por partida dobre
O Goberno de Galicia, decidido a facer a escola en Chapela
Bas concretou que o compromiso da Xunta coa conciliación de Redondela “é facilmente demostrable e cuantificable”, xa que inviste 970.000€ anuais para a gratuidade de case 200 prazas infantís e sempre amosou a súa disposición a colaborar na escola de Chapela, “pero non se lle pode dar a quen non pide”, en referenza á falta de proxecto e de solicitudes por parte do Concello.
Todo listo en 2019
O ex alcalde, subliña que “deixamos todo practicamente listo en 2019 e tardaron tanto nun pequeno cambio urbanístico que perderon a oportunidade do convenio, logo non aspiraron ás convocatorias de axudas e agora non teñen unha saída fácil para o financiamento, polo que estamos ante un auténtico drama para as familias de Chapela”.
Por tanto, recoméndalle á alcaldesa que busque alternativas cos fondos da Deputación ou doutras administracións “porque é inadmisible que no 2025 sigamos sen escola infantil en Chapela e non podemos agardar dous anos máis”.