Comarcas

26 días para gozar das Festas do Cristo, no Porriño

As subcampioas de Europa de balonmán serán as encargadas do pregón

26 días para gozar das Festas do Cristo, no Porriño

As subcampioas de Europa de balonmán feminino serán as encargadas de dar o pregón das Festas do Cristo 2025, do Porriño. “É un orgullo inmenso contar coas xogadoras do Club Balonmán Porriño como pregoeiras das nosas festas. Son un exemplo de esforzo, constancia e superación“.

“O que conseguiron na competición europea é histórico, pero máis alá dos resultados, o que máis admiramos é o seu espírito loitador. É un orgullo contar cunhas embaixadoras como elas, dentro e fóra da pista”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto de presentación das Festas do Cristo 2025 que contou coa actuación do grupo Acordecans.

26 días de festas e máis de 70 actividades

A lectura do pregón será o sábado 27, ás 13.00 horas, e marcará o inicio da fin de semana grande das
festas, pero ata entón xa serán moitas as citas culturais que se celebren incluídas na programación que se prolongará ata o domingo 5 de outubro, coa cita gastronómica por excelencia do Porriño, a Festa dos Callos, que este ano chega a súa trixésimo segunda edición.

Son en total 26 xornadas de festas con máis de 70 actividades dirixidas a todos os públicos e que
abranguen dende actuacións musicais, deporte, expresión escénica e tamén accións de promoción do
Concello do Porriño como pode ser a xa tradicional feira de Merca na rúa, os días 12 e 13, e a nova iniciativa de Noite aberta, o venres 19, celebrándose tamén este día a Festa Flamenca e o concerto de Xoana.

Música

A primeira gran cita musical será mañá co Negrita Music Festival e continuará o venres 26 cos concertos de Heredeiros da Crus e Beret; o sábado 27 actuará Sash! e o luns do Cristo, a Panorama e París de Noia amenizarán a máis grande das sete verbenas que pecharán o domingo 5 con El Combo Dominicano.

O certame Tes talento?, a batalla de baile e concertos Summer Son Jam e o espectáculo infantil Cantajuego Coco y Pepe completan a axenda musical na que tampouco faltarán concertos de bandas de música.

Deporte

No ámbito deportivo, coma sempre os clubs deportivos estarán presentes con exhibicións e presentacións das diferentes modalidades: fútbol, baloncesto, patinaxe e aeromodelismo, destacando a celebración de eventos como ‘La nocturna’, este mesmo sábado, ou Dirt-Track Xacob Agra o domingo, a Interrunning o día 21, o Torneo de Xadrez o 23 e a Milla Porriñesa o 4 de outubro.

A Festa do Peregrino, monólogos, obradoiros infantís, animación de rúa con batucadas e charangas e outras actividades completan o programa festivo.

Primeira fin de semana festiva con música urbana e deporte

Logo do espectáculo de ilusionismo e o de marionetas, a programación continuará ao longo da fin de semana con importantes eventos deportivos. O Club de Aeromodelismo Furaventos celebra o sábado e o domingo o Furaventos Meeting, un encontro internacional que reunirá a medio cento de pilotos de España, Francia e Portugal no que se exhibirán grandes avións. Ademais, mañá sábado, a partir das 16.00 horas, terá lugar a proba ciclista La Nocturna polas rúas do casco urbano, e o domingo, ás 16.00 horas no velódromo municipal, disputarase o XX Dirt-Track Xacob Agra.

O Negrita Music Festival

Será a gran cita musical da fin de semana. Este sábado, día 6, a partir das 16.00 horas e ata a
madrugada
, no aparcadoiro da rúa Progreso, actuarán:

  • West SRK
  • Xiyo & Fernández
  • Cyril Kamer
  • La Pantera
  • Hard GZ
  • Yung Beef
  • Groove Amigos
  • B2B Traffic House
  • Alvama Ice e
  • Galician Army

Tamén o sábado, ás 20.00 horas no Parque do Cristo, concerto do trompetista Manuel Mardanás e o
domingo 7, á mesma hora, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, actuación “Nas tres linguas do Camiño” de Gustavo Almeida.


Tamén en vigoalminuto


Aqui tes toda a información

Toda a programación pode consultarse de xeito actualizado na web ecultura.net onde tamén se irán
informando de posibles cambios debido, sobre todo, ás condicións meteorolóxicas, e irase publicando a
diario nas redes sociais municipais.

De xeito paralelo, esta fin de semana Carracido celebra as festas na honra á Virxe dos Milagros. Este sábado haberá verbena con Son de Cíes, o domingo misa e procesión acompañada pola
Banda de Música Municipal do Porriño e o luns 8, ao mediodía, de novo misa con procesión coa Banda de Música Municipal de Redondela e pola tarde as tradicionais cucañas.

Te podría interesar