O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda a retirada “permanente e definitiva” do busto de Juan Carlos de Borbón no acceso principal do Concello de Vigo. Agora que a escultura vén de ser quitada por causa dunhas obras, a fronte nacionalista esixe que non regrese ao acceso da casa consistorial “diante dos graves delitos que envolven a figura do monarca emérito”.
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG, defendeu que non existe xustificación para manter este recoñecemento cando son “atronadoramente claros” os indicios de corrupción institucional e de negocios irregulares por parte de quen ostentou durante moitos anos a Xefatura do Estado, “desde a súa designación como sucesor polo ditador Francisco Franco”.
Corrupción e branqueo de capitais
Igrexas subliña que “unha ampla maioría social de Vigo non comprende que clase de honra merece un monarca que defrauda o propio sistema tributario, que está envolto en numerosos casos de corrupción e branqueo de capitais”. O voceiro nacionalista lembra, a ese respecto, a enquisa do ano 2020, elaborada por EM-Analytics, que recollía que preto de 6 de cada 10 vigueses e viguesas eran partidarias de retirar os retratos do emérito, así como unha maioría que rexeita a monarquía e aposta pola república.
Institución arcaica, obsoleta e antidemocrática
Dende o Bloque tacharon de “inaceptábel” que as institucións colaboren coa impunidade da que goza Juan Carlos de Borbón e a monarquía. “Non é de estrañar que nunha institución arcaica, obsoleta, antidemocrática e erixida sobre o privilexio de nacemento se consideren a si propios impunes”, valorou o portavoz nacionalista, salientando como un “imperativo de hixiene democrática que se exerza un enérxico reproche contra comportamentos que para unha persoa do común suporían importantes penas de prisión“.
Tamén en vigoalminuto
- La ciudad tendrá un nuevo museo, el de la “Historia de Vigo”, que estará en el Verbum
- O alcalde do Porriño reafirma a “prioridade absoluta” do Saneamento coa creación dunha concellería específica
- Investigan a dos personas, de 40 y 60 años, por el incendio de Pesqueiras, en Salvaterra
- O BNG demanda a retirada permanente do busto de Juan Carlos de Borbón da entrada do Concello de Vigo
- Muere a los 42 años la actriz Verónica Echegui
- El Gobierno local aprueba una subida del 4% de los impuestos municipales, para 2026
Voto en contra de PSOE e PP
Neste sentido, Igrexas afeou o voto en contra de PSOE e PP a retirar o busto do emérito e cambiar o nome da praza do Rei cando en 2020, meses antes da “fuxida de Juan Carlos de Borbón a Emiratos Árabes”, o BNG trasladou estas demandas ao Pleno municipal. “Abel Caballero negouse a facer en Vigo o que si fixo a Deputación presidida por Carmela Silva, retirando o busto do pazo provincial, e impediu que Vigo deixara de renderlle homenaxe no seu rueiro ao monarca fuxido como fixo a cidade de Pontevedra”, lamentou.
O portavoz municipal nacionalista reclamou por estes motivos que “o busto do emérito non regrese máis agora que xa foi retirado” do acceso do Concello. “Non se pode defender a democracia e a igualdade ante a lei e seguir mantendo as prebendas e distincións a un monarca que non as merece”, remachou.