A iniciativa do Bloque Nacionalista Galego no Congreso para instar o Goberno do Estado a rexeitar o proxecto para a prolongación da A-52 contou co rexeitamento da Comisión de Transportes ante o voto en contra do PSOE e a abstención do PP.
Néstor Rego, deputado do BNG encargado de defender a iniciativa, lamenta que a posición de ambas forzas estatais non permitisen reclamar a liberalización da AP-9, e carga contra o Partido Popular pola súa “incoherencia, defendendo na Galiza unha cousa e a contraria en Madrid“.
“Un custo moi elevado para Bembrive, Mos e Porriño”
O deputado nacionalista subliña que “o obxectivo desta iniciativa é claro: deixar sen efecto un proxecto do Goberno do Estado para ampliación da A-52 que ten un custo elevado non só económico senón social e ambiental sobre todo para as localidades do Porriño, Mós e parroquias de Vigo como Bembrive”. Para Néstor Rego, “hai alternativas mellores, máis fáciles, máis rápidas e máis baratas para resolver esa mobilidade diaria”.
Esta iniciativa do BNG, alega, concorda co sentir maioritario da poboación dos tres concellos afectados. “Non ten sentido duplicar unha infraestrutura cando se pode optar por unha solución máis barata e do punto de vista da mobilidade máis segura e máis áxil”. Neste sentido, a iniciativa combina aforro de recursos públicos, con criterios de sustentabilidade, de mellora da mobilidade e garantindo a seguranza dos e das veciñas da zona.
“No canto de gastar centos de millóns de euros en facer unha infraestrutura que terá un impacto para a veciñanza de Mós, Porriño e Bembrive. É necesario rexeitar este proxecto e liberar a AP-9, así como mellorar os accesos e condicións da A-55 e A-52″ sostén Rego.
PP e PSOE impiden a aprobación da iniciativa
A iniciativa do BNG recollía a necesidade de retirar o proxecto de trazado da A-52 entre O Porriño e Vigo, por ser innecesario, duplicar infraestruturas, e ter un elevado impacto territorial, ambiental e social. “A carteira de Transportes debe elaborar un novo estudo de alternativas, que inclúa a liberalización da AP-9 e melloras nas conexións viarias, para unha solución máis racional e sustentábel” estabelecía a iniciativa.
Do mesmo xeito, a formación nacionalista urxe axilizar as actuacións pendentes na A-55, especialmente nas zonas con maior sinistralidade, para garantir a seguridade viaria. “Todo isto, contando cos concellos e parroquias afectadas a través dun proceso de diálogo co fin de consensuar as actuacións de mobilidade necesarias de maneira participada” reivindica o deputado do BNG.
Resolver os problemas de seguranza da A-55
Néstor Rego defende a necesidade de solucionar a falta de seguranza viaria da autovía A-55, unha das más perigosas do Estado español, cun tramo moi sinuoso que mesmo ten tramos limitados -precisamente pola seguranza viaria- a 60 quilómetros por hora. “Paralela á A-55 vai a A-P9 onde non flúe grande densidade de tráfico. Por que esta diferenza de tránsito? Porque a AP-9 segue sendo de pago”, conclúe.