Xa é unha realidade. O centro social autoxestionado A Nubeira ten por fin un espazo no corazón da cidade. Logo de máis dun ano dende a primeira proposta do seu grupo motor, este sábado 15 de febreiro ás 12.00 horas celebran a súa primeira asemblea aberta no seu local da rúa Pizarro no número 6.
Por iso, esta semana están a facer un chamamento a todo o tecido asociativo da cidade: “Convidamos a todas as persoas e organizacións á marxe das institucións a que se acheguen para comezar a crear este espazo comunitario, activista e cultural de xeito colectivo”.
Un grande espazo de encontro
Este espazo de encontro, explican, “naceu cunha vontade transformadora para dar resposta a unha estratexia política de redución das posibilidades materiais do mundo da cultura e do activismo”. Segundo explican, este é o primeiro paso para dotar dun grande espazo de encontro —máis de 220 metros cadrados— para que a veciñanza e os tecidos asociativo e cultural se atopen.
Este sábado será unha segunda “toma de pulso” do sentir social de Vigo. A primeira, din, foi en decembro de 2023 cando comezaron un camiño de preto de 30 asembleas para chegar ata onde están hoxe. Alí, logo dunha posta en común das intencións de futuro da Nubeira, calquera persoa que queira participar e facer a súa achega terá o tempo necesario para facelo e para, se queren, unirse ao proxecto. Logo, a asociación que sostén a Nubeira, ten preparado unha xuntanza con petiscos para poder socializar entre as persoas asistentes.
Tamén en vigoalminuto
- La potabilizadora más avanzada de España, a toda marcha para garantizar agua a medio millón de personas
- La reforma de Doutor Carracido encara la firma del convenio, tras el informe de la Diputación
- Nigrán continúa as súas “Tardes na solaina” cun tributo a Tarantino e música ao solpor en Panxón
- La pesca gallega prueba una cámara con IA para detectar delfines antes de que lleguen a las redes
- El Concello tiene sobre la mesa 7,5 millones de la Diputación para obras
- The Champions Burger vuelve a Vigo para buscar la mejor smash burger de España
Un espazo autoxestionado á marxe da filosofía de mercado
Dende a asemblea da Nubeira insisten no “extraordinario” do seu espazo. Non porque non haxa outros centros sociais na cidade, mencionan con orgullo ás súas compañeiras da Revolta e O Faísca—, senón polo “excepcional” que consideran que un grupo, ata o de agora de 66 persoas e organizacións, fora quen de abrir un espazo como este no corazón da cidade.

Achegas voluntarias
Insisten, ademais, en que é e será sostido no futuro coas achegas voluntarias de tódalas persoas das capas sociais da cidade que participen dalgún xeito ou outro: “Estamos á marxe da lóxica do mercado. Ninguén aquí viu a gañar diñeiro. Organizámonos para dotar á cidade dun espazo de encontro para os movementos sociais e a veciñanza da cidade”. Tamén alentarán as persoas que asistan a facerse parte do proxecto do xeito no que podan.






