O Bloque Nacionalista Galego vén de anunciar que este luns solicitará formalmente a retirada do punto da orde do día das Comisións Informativas do Pleno no que se ditaminará a proposta do Goberno de designar á ex deputada socialista Dolores Galovart como nova Valedora da Cidadanía, paso previo á súa votación no Pleno ordinario deste mes de xaneiro.
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG defendeu esta medida para «evitar que o absolutismo de Caballero consume un dedazo no relevo de Luis Espada e para crear as condicións que permitan un acordo unánime de toda a Corporación».
«Clara vinculación co PSOE»
Igrexas insiste nas «enormes dúbidas» que produce a elección de Galovart pola súa «clara vinculación» co PSOE, da que foi deputada no Congreso, e pola súa «manifesta afinidade persoal» co alcalde. «Sen desprezar a acreditada traxectoria e os méritos da señora Galovart, estas condicións non permiten que poidamos confiar nunha Valedora que actúe con plena independencia, imparcialidade e obxectividade como estabelece o Regulamento», lamentou. O portavoz municipal nacionalista reiterou que «en ningún caso o Bloque pode aceptar que se subordine a Valedoría ao grupo de Goberno».
Desde a fronte nacionalista critican con dureza a «nula disposición ao diálogo por parte do Goberno de Abel Caballero a pesar da man tendida do BNG», lembrando que xa propuxeron o pasado mes de novembro que se abrise unha interlocución entre todos os grupos municipais na Xunta de Portavoces co obxectivo de «promover un acordo unánime que garanta que a nova Valedoría sexa unha figura representativa do conxunto plural da cidade e con plena independencia».
Tamén en vigoalminuto
- A falta de médicos deixa ao PAC de Cangas-Moaña ao límite da asistencia sanitaria
- Emoción y adrenalina: llega el Campeonato Gallego Absoluto de Taekwondo a Tomiño
- Vigo despedirá la Navidad con una ocupación hotelera del 75 %, en diciembre
- Exigen a la Xunta que no oculte el financiamiento del Gobierno en la vivienda pública
- Desde el lunes, corte de la VG-20 sentido Vigo por las obras de rehabilitación del viaducto de Porto
- Caballero llama «desalmados» a los responsables de la Xunta y los acusa de «engañar» a Inditex
Nomeamento irregular
Aliás, Igrexas volve advertir de que para alén da falla de consenso este nomeamento vaise producir nunha situación «abertamente irregular». No concreto, alude á negativa do goberno de Caballero a constituír a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello, de carácter obrigatorio. «A Valedoría está definida, precisamente, como órgano de enlace e colaboración desa hoxe inexistente Comisión», salientou Igrexas.
Unha circunstancia, lembrou o portavoz municipal nacionalista, que foi reiteradamente denunciada polo BNG, urxindo a posta en marcha desta Comisión Especial para «poder exercer unha verdadeira e efectiva supervisión e fiscalización da Administración municipal e para atender as numerosas queixas e demandas da veciñanza, que desde o inicio deste mandato xa son máis de 16.000«.
Abrir unha nova etapa
Igrexas remarcou que para o BNG o relevo de Luís Espada é «unha oportunidade para abrirmos unha nova etapa» á fronte da Valedoría da Cidadanía, dotándoa de máis autonomía e capacidade de actuación. «Diante dun Goberno municipal que insiste na súa xordeira autoritaria, na súa falla de diálogo co tecido asociativo e na desatención das demandas veciñais, é máis necesario do que nunca que a Valedoría exerza plenamente as súas competencias», subliñou. «Merecemos unha Valedora de toda a cidadanía e non só do PSOE», remachou.






