Comarcas

O Porriño contará cunha sala lúdica municipal e novas instalación para Atención Temperá

Na contorna do Centro de Saúde e o Pavillón Municipal

O Porriño contará cunha sala lúdica municipal e novas instalación para Atención Temperá

O Concello do Porriño avanza na mellora dos servizos sociais e infantís co acondicionamento de novas instalacións que acollerán a primeira Sala Lúdica Municipal permanente e a nova localización do Servizo de Atención Temperá. Este proxecto, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, ten como obxectivo mellorar a atención ás familias e favorecer o desenvolvemento dos nenos e nenas do municipio.

Este novo local, situado na contorna do Centro de Saúde e o Pavillón Municipal, foi adquirido recentemente polo Concello por un importe de 169.183,79 euros máis IVE, e conta con tódalas condicións necesarias para ofrecer un servizo de calidade.

Sala lúdica municipal

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, explicou a importancia desta iniciativa para as familias do municipio: «queremos poñer en marcha estas instalacións á maior brevidade posible, xa que son servizos moi demandados polas familias, e proba diso son os 89 pequenos e pequenas que están a ser atendidos no Servizo de Atención Temperá desde que se puxo en marcha. Este novo espazo permitirá prestar unha atención máis axeitada, cunha resposta máis rápida e eficaz», afirmou.

Ademais, o novo espazo acollerá a primeira Sala Lúdica Municipal permanente do municipio. Despois dun período de proba no que se constatou unha alta demanda do servizo, confirmouse a necesidade de consolidalo como un recurso estable e continuo, destinado a favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias do Porriño.


Tamén en vigoalminuto


89 cativos no Servizo de Atención Temperá

Pola súa parte, o Servizo de Atención Temperá, que ata o momento se estaba a prestar en tres locais habilitados no Pavillón Municipal, -unha localización provisional para dar resposta á alta demanda do servizo-, tamén se trasladará a estas novas instalacións. O novo espazo contará cunha entrada independente, unha zona de recepción e atención, e tres salas habilitadas para fisioterapia, logopedia e psicoloxía, servizos fundamentais para tratar posibles trastornos do desenvolvemento en nenos e nenas de 0 a 6 anos. A través dunha actuación interdisciplinar e conxunta, este servizo ofrece unha resposta global ás necesidades destes pequenos.

Co traslado ás novas instalacións, agárdase mellorar tanto as condicións de traballo dos profesionais como a atención aos usuarios, xa que o novo local concentrará tamén os servizos sociais, sanitarios e educativos, facilitando a coordinación e a atención integral ás familias.

Obras de repavimentación no camiño de acceso á Vitureira, na Vacaría

Así mesmo, deron comezo ás obras de repavimentación do camiño de acceso ás canteiras en Vacaría, na parroquia de Budiño. Este proxecto, que se enmarca dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2022-2023, forma parte do compromiso municipal coa mellora das infraestruturas no medio rural e conta cun investimento de 47.128,29 euros, IVE incluído. A intervención afecta a un tramo de 605 metros de lonxitude, cun ancho medio de 7,30 metros, discorrendo integramente por dominio público viario ou terreos de titularidade municipal. O prazo estimado de execución é de dous meses.

O alcalde salientou a relevancia desta actuación para a comunidade local, sinalando que «o mal estado deste camiño facía imprescindible unha intervención. Con estas melloras garantiremos un acceso máis seguro e eficiente ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna, contribuíndo así ao desenvolvemento económico, social e cultural da parroquia de Budiño.»

Pavimento e drenaxes

As actuacións previstas abranguen a limpeza enérxica do pavimento existente, a demolición parcial de bordos e outras zonas en mal estado, así como a preparación do terreo para garantir unha base sólida e uniforme. Posteriormente, aplicarase unha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, compactada e selada, que permitirá ofrecer unha superficie renovada, resistente e segura para o tráfico. Ademais, contemplarase a mellora da drenaxe e o adecuado refino de noiros para garantir a estabilidade e durabilidade da obra.

Esta intervención permitirá unha notable mellora na seguridade viaria ao eliminar fochancas e superficies irregulares que dificultaban o tránsito e representaban un risco para os vehículos. Ademais, facilitará o acceso ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna, reforzando a conexión cos servizos esenciais e os espazos de encontro da comunidade.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.