Galicia

Denuncian que o cura de Cabral retirou o panel informativo dos afectados pola comunidade de montes

Para «silencialos» e favorecer aos comuneiros

Responsábeis da Asociación de Veciños e Empresarios de Cabral (Aveeca), denuncian que o párroco de Santa Mariña de Cabral, Isaac de Vega Arribas, obrigou á asociación a retirar o panel informativo que dispuxera no adro da igrexa hai xa catro anos. O mesmo utilizábase para amosar novas de prensa, «esencialmente ligadas ao conflito que enfronta a numerosos veciños e empresarios coa Comunidade de Montes, que pretende arrebatarlles os terreos que ocupan e que lles pertencen rexistralmente».

Terreos particulares que pasan á titularidade dos comuneiros

Representantes de Aveeca reuníronse días atrás co cura para insistirlle na importancia de que a parroquia non se puxera de costas ao problema, «pois a situación está cada día máis tensa, unha vez que xa adquiriu firmeza a primeira sentenza xudicial que outorgou a titularidade dun terreo dun particular aos comuneiros«.

A Comunidade de Montes, apuntan dende Aveeca, «apela incluso a levantamentos administrativos da última década do século XIX para avalar que a propiedade do monte é dos comuneiros dende tempo inmemorial, e particulares e empresas ven como as súas parcelas, con títulos que se remontan a principios do século XX ou inscricións no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás, cambian de mans ante a súa total impotencia».

‘Lávase as mans’

O anterior párroco, Avelino Rodríguez Fernández, non puxera inconveniente no seu día para a colocación do taboleiro, e tras o seu falecemento, o cura que atendeu de xeito provisional a freguesía tamén se amosou comprensivo coa iniciativa veciñal. Pero «o actual párroco aduce que hai fregueses que lle solicitan a retirada do panel e el non quere intervir no tema». Aveeca entende que en realidade «o que está a facer o párroco é ceder ás presións dos comuneiros e esquecer ás vítimas dunha gran inxustiza».

Asi, os representantes da asociación chegaron a propoñer ao cura a instalación doutro panel no adro, a carón do actual, para que dispuxeran del os comuneiros ou calquera outro colectivo, pero entenden que o obxectivo de Isacc de Vega é «axudar a silencialos», ou polo menos non facilitarlles as cousas.

Audiencia co Bispado

“É unha vergonza, pois a sensación que temos é que os tentáculos da Comunidade de Montes e as súas artimañas chegan a todas partes, pois cos milleiros de cartos que conseguen coas súas demandas e a súa opacidade dobregan todas as vontades que queren. O cura sabe que a cousa está cada vez peor, que a tensión está a crecer moito na parroquia, é limítase a lavar as mans”, sostivo a presidenta de Aveeca, Beatriz Ucha. Aveeca xa solicitou audiencia no Bispado de Tui para denunciar o caso.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.