O Grupo municipal do Partido Popular vén de denunciar que o Concello adebeda aos seus traballadores as horas extras realizadas de xuño a novembro, o que suma unha cantidade de 90.000€.
Isto é porque a partida para horas extras do ano 2023 ascende a 54.675€ e o Goberno local realizou un gasto anual en horas extras de mais de 177.000€: mais do triplo do recollido no orzamento de 2022, prorrogado a 2023.
«Improvisación e falla de xestión»
A popular Ana Alonso, ex concelleira de Facenda, denuncia que o Concello carece de «previsión e planificación á hora de organizar os traballos». Ademáis lamenta a «falla de xestión» e a «improvisación, chegando sempre tarde a todo tendo que botar man de horas extras ao non facer as cousas con tempo».
O problema, subliña a concelleira popular, é acumulativo xa que ao arrastrar a débeda do ano anterior, «esgotaron xa en xaneiro a partida para todo o ano 2024». Isto supón que o Concello de Redondela non poderán pagar ningunha hora extra máis ata 2025. «Este é o goberno progresista que temos en Redondela, que non paga ós traballadores e acumula facturas sen pagar no caixón por máis dun millón de euros».
Situación económica «preocupante»
Ana Alonso, que á fronte da Concellería de Facenda xa tivera que facer fronte a unha circunstancia económica extrema herdada do goberno socialista anterior, amosa a súa intranquilidade pola «preocupante situación económico-financeira na que se atopa o Concello de Redondela dende achegada de Digna Rivas á Alcaldía».
A mesma, resume a concelleira do Partido Popular, presenta «débedas a provedores, débedas a traballadores, perda de subvencións, orzamentos esgotados, as contas do 2022 sen presentar e incumprimentos legais: ese é o día a día deste goberno”.
