Galicia

Ana Pontón compromete un centro de reparacións do naval na ría de Vigo

Aproveitando o coñecemento da cidade para crear emprego

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, presentou hoxe na cidade as propostas de goberno do BNG en materia laboral, entre as que destacou a creación dun centro de reparacións do naval na ría de Vigo.

Aproveitar o coñecemento da cidade para crear emprego

Nun encontro con delegadas e delegados sindicais da industria e a automoción en Vigo, Pontón advertiu da «situación límite» na que se atopa o sector, despois de que o Goberno do PP deixara caer unha parte moi importante do seu tecido. «Nós queremos levantalo», afirmou para defender a creación do centro de reparacións ante a caída de novos pedidos que sofre a construción naval.

«Se nos introducimos nese mercado das reparacións e as transformacións de buques, imos ser capaces de aproveitar toda a infraestrutura e todo o coñecemento que temos en Vigo para crear emprego», explicou.

Automoción

A candidata nacionalista tamén sinalou ao da automoción como outro dos sectores que necesita un apoio importante, especialmente para enfrontar o reto da electrificación «gañando capacidade produtiva aquí». Neste sentido, considerou clave que haxa unha rede de pequenas e medianas empresas, que non dependa única e exclusivamente dunha empresa matriz, senón que se poida «posicionar en novos mercados e en novos ámbitos produtivos» para fortalecer tamén a creación de emprego. 

Con estes obxectivos, Pontón avanzou que un goberno BNG porá en marcha a Mesa da Automoción porque, segundo subliñou, «sabemos que é clave sentar a todo o sector e poñernos a traballar para enfrontar ese gran reto de futuro« e para afianzar a automoción, clave non só na economía de Vigo, senón na economía galega, dado o peso que ten no PIB e o nivel de emprego.

Participación o día 18

A líder do BNG aproveitou o encontro para facer un chamamento á participación masiva o 18F da xente que quere abrir un tempo novo cun cambio no Goberno da Xunta que só será posible, asegurou, se o voto inconformista acude ás urnas coa papeleta do BNG. «Da igual que o que votaran noutras ocasións, ou como é a súa maneira de sentirse galegos. Se todas as persoas que queren unha Galiza mellor votan Bloque, haberá cambio», proclamou.

No ecuador da campaña electoral, a candidata dirixiuse á maioría social que desexa abrir un tempo novo para pedirlle a oportunidade de ter, da man do Bloque, un goberno «que vai pensar na xente deste País e vai apostar porque os traballadores e as traballadoras teñan condicións dignas de traballo», deixando atrás 15 anos dun goberno do PP no que a precarización laboral foi a máis até o punto de que hoxe miles de galegos e galegas non chegan a fin de mes aínda tendo un emprego. «O resultado das políticas do PP é que cada vez hai máis traballadores pobres», censurou.

Fronte ao «modelo de precariedade», con salarios baixos e peores condicións de traballo, que deixa o PP, Pontón avanzou que o BNG aposta pola calidade do emprego e unha economía baseada na ciencia e na innovación, na que os mozos e as mozas non se vexan obrigados a emigrar porque aquí non teñen oportunidades. Unha economía na que, destacou, a industria recupere peso e Galiza sexa capaz de atraer investimentos para crear riqueza e un futuro mellor.  

Plan de reindustrialización

Pontón anunciou, neste sentido, que o Goberno liderado polo BNG porá en marcha un plan de reindustrialización nunha aposta decidida pola ciencia e a tecnoloxía. «Un país sen industria está condenado a ser mero consumidor do que producen outros e carece de futuro», asegurou.

A candidata nacionalista aproveitou a xuntanza -na participou tamén o número un da lista por Pontevedra, Luís Bará, e a candidata Carmela González- para expoñer as principais medidas do BNG para reflotar a industria galega, un sector no que se perderon 27.600 empregos dende o ano 2009 e no que «quedaron polo camiño» -denunciou- centros de pequenas e medianas empresas dedicadas á automoción, o naval ou a enerxía, entre outros ámbitos industriais.

Crear 12.000 empregos

Por iso o BNG propón o Plan e Fomento da Actividade Tecnolóxica e Industria que ten por obxectivo aumentar en seis puntos o peso da industria no PIB, até chegar ao 23 %, e crear 12.000 empregos no período 2024-2030. Trátase dun plan enfocado a pequenas e medianas empresas (PEMES) con proxectos a longo prazo e que sexan capaces de establecer redes de cooperación con outras empresas locais e con capacidade de internacionalización.

Para o seu desenvolvemento será fundamental o impulso da ciencia e a innovación e, neste sentido, a candidata avanzou que co Bloque no goberno da Xunta aumentará o gasto en I+D+i, co obxectivo de destinar o 3 % do PIB no 2030. «Hoxe Galiza ten un investimento neste eido de 233 euros por habitante, un 40 % menos que a media do Estado»

Se as empresas marchan, devolverán as axudas

Pontón advertiu da necesidade de frear a deslocalización de empresas e avogou por facer de Galiza un territorio atractivo para o investimento a través, por exemplo, de máis solo industrial e trámites máis rápidos para que as empresas se poidan instalar aquí.

Ademais, anunciou que co BNG na Xunta as empresas que recibiron axudas públicas nos últimos oito anos e decidan marchar do País estarán obrigadas a devolver eses recursos á Administración, «porque non pode ser que os utilicen exclusivamente para o seu beneficio e logo deixen tirados ás traballadoras e traballadores do País».  

O medo de Rueda

Por último, Pontón tamén se referiu aos debates electorais e á negativa do Partido Popular e o seu candidato, Alfonso Rueda, tanto a manter un cara a cara coa líder da oposición, como a acudir ao debate electoral de TVE. «Pasamos dunha campaña na que o PP quería ocultar as súas siglas a unha campaña na que quere ocultar ao seu candidato», reprochou.

A líder nacionalista advertiu que a quen lle dan plantón o PP e Rueda non é ao BNG, senón a Galiza e aos galegos e ás galegas que, segundo recalcou, «merécense candidatos e candidatas que estean dispostos a debater».

«Eu vou estar nese debate e pregúntome por que o PP quere ocultar ao señor Rueda e non quere participar», concluíu.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.