Destacados Vigo al minuto

O BNG de Vigo propón unha alternativa de Zonas de Baixas Emisións sen restricións e multas

Baseada na mellora do transporte público e na redución do uso do coche

O BNG de Vigo propón unha alternativa de Zonas de Baixas Emisións sen restricións e multas

 O Bloque Nacionalista Galego defende unha alternativa de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) «sen as restricións e multas que quere impor o Goberno de Abel Caballero». A fronte nacionalista vén de trasladar unha folla de ruta para acordar con participación veciñal a ordenanza municipal que regule as ZBE, cuxa elaboración se iniciou hai dous anos sen avances e que legalmente debía estar definida dende o pasado exercicio.

Un informe no que se definen «sen xustificación» 4 perimetros nos que se restrinxe o acceso de determinados vehículos

«O único que fixo o Goberno municipal foi encargar un informe previo, de apenas 42 páxinas cheas de palla e sen apenas detalles, nas que se definen unilateralmente e sen ningún tipo de xustificación 4 perímetros nos que se pretende restrinxir o acceso por tipoloxía de vehículos«. Ademais, engade a solicitude dunha subvención do Goberno español para financiar a instalación dun sistema de control de accesos que custará máis de 5 millóns de euros«, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo.

«Mala copia de Madrid central»

Xabier P. Igrexas cualificou esta decisión do Goberno local de «moi mala copia de Madrid Central» fronte á que propuxo unha alternativa integral que faga de toda a cidade unha ZBE, na liña das recomendacións de organizacións como a Rede de Cidade que Camiñan. «Un modelo sen restricións nin sancións, co obxectivo de reducir con carácter xeral o uso do coche dando alternativas que pasen pola mellora do transporte público, a promoción do tránsito peonil, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal, creando aparcamentos disuasorios e aumentando as rúas peonís«, apostou o voceiro do Bloque.

Folla de ruta con participación

Diante do silencio do Goberno municipal sobre esta cuestión, dende o Bloque anunciaron que van solicitar acceso a toda a información e documentación relativa á implantación das ZBE. Ademais, reiterarán a súa proposta na vindeira Comisión Informativa de Seguridade, na que trasladarán unha folla de ruta para que a ordenanza municipal conte con participación veciñal.

Así, as nacionalistas piden a posta en marcha de mecanismos para recoller as propostas das viguesas e vigueses; a realización de asembleas nos barrios e parroquias e encontros co tecido asociativo; a convocatoria dos Consellos Sectoriais de Transportes, Medio Ambiente e Accesibilidade do Concello; un grupo de traballo con todos os grupos políticos municipais e o compromiso para que se someta a proposta de ZBE a aprobación plenaria contando cun período de exposición pública para recibir alegacións.

«Caballero pretende multar»

O portavoz municipal do BNG advertiu de que o alcalde de Vigo está a mentir cando asegura que non se vai multar por acceder a eses perímetros malia que así o obriga a normativa. «A proposta de Caballero discrimina ás persoas polo lugar de residencia e pola renda, porque non todo o mundo se pode permitir un vehículo eléctrico«, criticou, avanzando que ese modelo de perímetros xa se demostrou como unha fórmula «moi pouco efectiva» á hora de reducir as emisións contaminantes respecto a modelos de éxito como Pontevedra.

Dende o Bloque rexeitan que a solución pase por cambiar o tipo de coches que circulan na cidade, na que se producen cada día 300.000 desprazamentos en coche ou moto, segundo datos oficiais do propio Concello. «A proposta do BNG é aproveitar as Zonas de Baixas Emisións para avanzarmos cara un modelo de cidade máis sustentábel e máis habitábel, unha cidade mellor revolucionando a mobilidade e democratizando o espazo público», defendeu Igrexas.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.