A xustiza vén de arquivar a querela por calumnias interposta pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, contra o seu antecesor, e voceiro municipal popular, Javier Bas.
Como informara vigoalminuto, Rivas interpuxo a querela contra Bas o pasado mes de novembro, despois de que este informara en rolda de prensa de supostas irregularidades cometidas na solicitude dunha axuda para a rehabilitación da Praza de Abastos.
Javier Bas comenta que “a Xustiza está para cousas moito máis importantes que para as “rabietas” da actual alcaldesa”. Nesta liña, o ex alcalde precisou tamén que «esta tentativa de xudicializar as liortas políticas amosa o alto grado de nerviosismo de Digna Rivas no seu intento de ocultar a súa responsabilidade nas irregularidades detectadas».
Decisión xudicial ‘contundente’
Segundo subliñan dende o Partido Popular de Redondela, «o auto do Xulgado é contundente e decreta o sobresemento libre e o arquivo das actuacións, por non ser feitos constitutivos de delito». Ademais, engaden dende o PP local, «tivo lugar no mesmo día no que o voceiro popular prestou a súa declaración ante o xulgado, e presentou toda a documentación que acreditaba a veracidade das irregularidades detectadas en dita solicitude de subvención».
Documentación presuntamente alterada
O Auto, aseguran os populares, «recolle que Digna Rivas, na súa condición de alcaldesa, asinou e enviou a documentación para a obtención da subvención que incorporaba documentación presuntamente alterada, e que o fai, co seu coñecemento e consentimento«.
Asi mesmo, subliñan os representates do Partido Popular, o intento de Rivas de impedir o dereito de opinión dun concelleiro da Corporación, no exercicio do seu traballo de fiscalización, tamén ten resposta no auto, indicando que «debe prevalecer o dereito á liberdade de expresión xa que as frases proferidas polo Javier Bas, non foron frases nin expresións aldraxantes ou ofensivas».
«Deriva e abandono»
Javier Bas asegura que seguirá «vixiante» para que «se cumpra sempre a legalidade no noso Concello». O ex alcalde, gañador das pasadas Eleccións Municipais, asegura que Redondela non se merece o «rumbo de deriva e abandono que lle está a dar Digna Rivas”.

