Comarcas Vigo al minuto

Cultura e lecer para todos no Rosal

Comeza a súa programación de xuño

Cultura e lecer para todos no Rosal

Comeza a súa programación de xuño

O Concello do Rosal comeza un mes no que a axenda cultural e de lecer estará chea de actividades de balde para todos os públicos. Libros, música, concertos, teatro, cine…ata sesión vermú, son algunhas das propostas para estes días.

Dende esta semana

Así, as actividades arrancaron este luns 5 cunha actividade para o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier, que puido desfrutar de ‘O mel non caduca’, de Ibuprofeno Teatro. Unha obra na que a rapazada sorprenderase coa actividade de dous científicos e apicultores que no ano 2173 levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos.

Tamén ao longo desta semana o Concello acollerá varias actividades do proxecto ‘O pasado por vir’, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que chega ao Rosal cunha semana chea presentacións de libros, exposicións e proxeccións audiovisuais. A primeira delas foi a presentación do libro ‘Mulleres represaliadas no cárcere de Tui’, unha lembranza a todas as mulleres represaliadas da comarca.

Por outra banda, do 5 ao 16 de xuño, o salón de exposición acollerá tamén ‘Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra’, unha mostra con medio centenar de imaxes a modo de crónica da rodaxe do documental do mesmo nome. A exposición estará aberta ao público de luns a sábado de 10.00 a 13.00 horas.

Ademais, o xoves, día 8 ás 20.00 horas no Auditorio municipal proxectarase o documental ‘Acorda’ e a curtametraxe ‘Mariví, na pel da memoria.

Ollo ao sábado

O sábado 10 estará cargado de actividades: ás 12.00 h no Espazo do Mercado Marisa Castro presentará o seu libro ‘A saga das curandeiras’; a continuación haberá sesión vermú coa música en directo de Tonichi&Pacheco ás 13.00 horas na Praza do Calvario. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, o auditorio municipal acollerá o IX Concerto de Corais ‘Ecos de Verán’.

Dende o día 12

A actividade cultural continuará o luns 12 no Auditorio Municipal ás 10.00 h co contacontos sobre Francisco Fernández del Riego para alumnado a cargo de Polo Correo do Vento; e o venres 16 coa actuación de Violencia Zero con Nerea Brey e Miriam Rodríguez ás 20.00 h na Liga de Amigos.

O domingo 18 será a quenda da Festa das Asociacións, que reunirá no parque de Pías á veciñanza para gozar de xogos populares, música e actividades variadas ao longo de toda a xornada. Xa o sábado 24 de xuño o Auditorio Municipal acollerá un concerto de rock a cargo de San Xerome Emiliani, ás 20.00 horas; o mércores 28, coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTB, a Praza do Calvario será o escenario dun scaperoom e dun concerto con Terapia de Grupo.

O Rosal pechará xuño o día 30 cunha demostración de teatro a cargo do alumnado da Escola Municipal de Teatro no auditorio municipal ás 21.00 horas. A alcaldesa convida a todos os rosaleiros e rosaleiras a unirse a esta vibrante programación e gozar dun mes repleto de cultura, música e diversión.

También te puede interesar