Destacados Vigo al minuto

O Bloque pide a Caballero que defenda a industria de Vigo coa mesma enerxía que pon no «Nadal colosal»

Indica que «a cidade non é unha casa de bonecas xigante» e que hai 24.000 parados

O BNG de Vigo vén de reclamar ao alcalde que dedique, como mínimo, «a mesma enerxía e esforzo» a combater a grave crise industrial de Vigo que a que destina a promocional o «nadal colosal».

Dende o BNG alertan do avance da desertización produtiva e lembran que «o PSOE opúxose a todas e cada unha das propostas que formularon, a través dunha moción, no Pleno do pasado mes de marzo».

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cuestinou que Abel Caballero «presuma da programación de nadal» en FITUR cando a cidade está atravesando unha grave crise industrial, con sectores estratéxicos como a construción e reparación naval nun «punto límite».

«Feijóo patrocina o Xacobeo e Caballero as luces do Nadal»

Para o BNG, «Feijóo e Caballero teñen algo en común, a pesar de escenificar un total antagonismo. Feijóo patrocina o monocultivo do Xacobeo como única política de promoción económica e do emprego. E en Vigo Caballero promove o monocultivo das luces de Nadal«, reprochou.

A este respeito, o edil acrecentou que a promoción turística é importante pero que non será suficiente para paliar o «brutal efecto» que en termos sociais, económicos e laborais está a ter o devalar industrial.

Superar o modelo de «cidade ornamental»

O portavoz municipal do BNG chamou a «avanzar e superar o modelo de cidade ornamental e a política de aparencias». Así, pediu que a acción do Concello se centre en atender as necesidades reais das viguesas e vigueses, entre as que se atopa como prioritaria o dereito a un emprego digno e estábel.

«A cidade non é unha casa de bonecas xigante. Vigo é moito máis que unha fotografía. Vigo son as máis de 24 mil persoas que están no desemprego, as centenas que fan cola nas fileiras da fame ou as moitas mozas e mozos que foron expulsos á emigración por falla de oportunidades aquí», enfatizou.

Negativa do PSOE

Desde o Bloque lembran que o grupo municipal socialista tombou unha moción do BNG, no pleno do pasado mes de marzo, na que se recollían unha serie de medidas concretas para combater a crise industrial.

«O PSOE dixo non a esixir que Xunta e Goberno español actúen a través da intervención pública para blindar o futuro do sector naval», sinala Igrexas.

Tamén apunta o concelleiro do BNG que «dixeron non a demandar políticas específicas para fortalecer a industria da automoción» e, así mesmo, «dixeron non a alargar as políticas públicas de promoción do emprego, a principiar polo Plan Municipal de Emprego».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.