Marea de Vigo vén de alertar que a situación do transporte urbano da cidade deteriórase día a día.
Rubén Pérez, voceiro de Marea no Concello, sinala que é «evidente» o menoscabo en servizos, frecuencias, «mesmo as condicións de explotación do servizo», desde que se anunciou a ampliación da concesion durante 5 anos máis.
O alcalde cualificaba o servizo de ‘desfasado’
Abel Caballero argumentaba hai escasos meses que o contrato actual de transporte era «inxusto e desfasado para a realidade actual da cidade».
«Recoñecíase – explica Rubén Pérez – que o contrato tiña un cálculo de tarifas en base a unha fórmula polinómica desfasada». A mesma, por exemplo obriga a computar como amortizables prácticamente todas as melloras no servizo. Isto vai elevando a cifra de recursos pendendes de abonar á empresa ano tras ano (actualmente por enriba dos 16 millóns).
Esta circunstancia leva a «cousas tan sorprendentes como que 25 anos despois sigamos a pagar os terrenos das cocheiras de San Andrés» indica Rubén Pérez. Recoñecíase ademais que o sistema de liñas non daba cobertura ás novas necesidades da cidade.
Peor servizo desde o anuncio da ampliación da concesión de Vitrasa
«Dende o anuncio de ampliación, constátase unha degradación do servizo» – matiza Ruben Pérez -. O voceiro sinala que ese deterioro comeza no que ten que ver coas relacións laborais, «nas que a empresa está incumprindo os acordos feitos co Comité». Seguen as carencias do servizo con respecto á prevención e as medidas hixiénicas e de desinfección derivadas da Covid-19 e conclúe cun «servizo deficiente nas parroquias, nas conexións cos hospitais e na falla de reforzos en hora punta».
